jueves. 15.04.2021 |
El tiempo
jueves. 15.04.2021
El tiempo

Amancio for president

O iate de Amancio Ortega, atracado en Sanxenxo na primavera de 2018. RAFA FARIÑA
O iate de Ortega, atracado en Sanxenxo na primavera de 2018. RAFA FARIÑA

A AMANCIO Ortega acábanlle de dedicar a súa primeira rúa. Non foi na súa localidade natal de León, nin en Arteixo nin na Coruña, a cidade que algúns xa ven como a nova Milán polo efecto Inditex. Foi o goberno local de Sanlúcar la Mayor, en Sevilla, o que acordou rebautizar a avenida do polideportivo co nome do creador das batas de boatiné Goa. O obxectivo, segundo contan as crónicas, era render homenaxe ao empresario pola súa "generosidad" e por ter "salvado vidas" coas súas doazóns á sanidade pública.

E non será polas rúas que lle poderían dedicar ao longo e ancho do planeta, desde Benito Corbal (imaxinan?) á Gran Vía madrileña, pasando por, quen sabe, algunha ruela en Camboia ou Brasil, onde tamén lle están moi agradecidos polos postos de traballo que crea.

Ogallá un estado de benestar sen esmolas, cos impostos de todos

A iniciativa na localidade sevillana foi aprobada cos votos dos que gobernan alí, o Grupo Independiente Sanluqueño, o PP, Sanlúcar Activa e Vox (un cuatrifachito?). Pero tamén houbo voces críticas. Imaxino ese debate como un exemplo das miles de discusións que estes días se están propagando nas barras dos bares e nas redes sociais.

Tanto o PSOE como Adelante Sanlúcar votaron en contra e esgrimiron que ben había personalidades locais que merecían máis o recoñecemento. Tildaron a decisión de "ocurrencia" e "cacicada" e lembraron o informe do Parlamento Europeo que acusa a Inditex de eludir 585 millóns de euros en impostos mediante técnicas de "ingeniería fiscal" ou "trabajo esclavo" nas fábricas do estranxeiro.

Ai, Amancio! Quen lle ía dicir todo isto hai 20 anos. Lemos na prensa que xusto se acaban de cumprir dúas décadas da publicación da súa primeira fotografía, máis aló da vella estampa en branco e negro dos anos 70, cando aínda vendía as famosas batas. Ata daquela non se lle coñecía a face, quen sabe se, como din por aí, por medo a que lle roubaran a alma, como lles pasaba aos indios.

Só a mención do seu nome provoca un cataclismo non na Bolsa nin en Arteixo, senón entre a propia sociedade. Primeiro foron os 300 millóns de euros que gastou en máquinas para tratar o cancro e que regalou á Sanidade pública española e despois os outros 90 para construír sete residencias de maiores en Galicia. O mundo dividiuse entre os que se axeonllaron ata petar coa punta do nariz no chan para agradecer a acción do Santísimo e os que desprezaron directamente a dádiva alegando algo sobre desgravar e non sei que duns impostos evadidos.

Cando xa parecía que o rebumbio cesara (novas eleccións xerais? Máis mulleres asasinadas polo machismo?) aparece o famoso doutor Cavada, o mesmo cirurxián que fixo o primeiro trasplante de cara en España e que agora traballa na sanidade privada, defendendo as doazóns de Ortega, porque, e ten toda a razón, "podría quemar su dinero y lo dona a la Sanidad".

Podería queimalo ou podería dedicalo a mellorar as condicións dos traballadores que axudaron a levantar seu grande imperio durante os últimos 35 anos. Podería gastalo noutro iate ou noutro edificio en Nova York, pero decidiu saír de compras para beneficiarnos a todos.

Agora, que tamén poderiamos non ter que agradecerllo, nin sequera poñernos a pensar se fai ben ou mal, se ten un gran corazón ou é todo unha estratexia de marketing e evasión de impostos. Poderiamos ter un estado de benestar que se financiara exclusivamente dos nosos impostos (tamén dos del, evidentemente) e non ter que andar agradecendo unha esmola.

Amancio for president
Comentarios
ç