jueves. 22.08.2019 |
El tiempo
jueves. 22.08.2019
El tiempo

As malleiras, nas urnas

Manifestación celebrada o pasado 8 de marzo en Pontevedra. RAFA FARIÑA
Manifestación celebrada o pasado 8 de marzo en Pontevedra. RAFA FARIÑA

A MIÑA querida Clara pintoume as unllas de morado o pasado xoves pola noite. A cor ideal para vivir un 8M nas rúas, esas mesmas rúas nas que millóns de mulleres (e moitos homes de ben) nos manifestamos en toda España nunha xornada histórica para deixarlles ben claro a todos eses cretinos (e tamén esas cretinas, que habelas hainas, aínda que presuman de femeninas ou normais) que o futuro será feminista ou non será. Hai tanto polo que loitar, compañeiras...

É domingo pola tarde e a pintura das unllas está a piques de converterse nunha lembranza (estes chineses...) cando me entero de que un indesexable acaba de matar á súa muller en Valga. Que mal soa iso de a súa, por certo. Case tan mal coma eses titulares que apareceron nalgunha sorte de panfleto dixital tipo "asasinan a unha muller e despois suicídase o marido". Que puido ter pasado? Que o home a achara morta e se quitase a vida ao non poder superalo? Facédevolo mirar, por favor.

Terrorismo é o que mata tres mulleres en tres días

Seica as mulleres que opinamos somos perigosas, pero o verdadeiro perigo está aí fóra, en todas esas mentes retrógradas e en todos eses fogares nos que quizais non consten denuncias previas.

O perigo está tamén no que se nos vén enriba e que, xentes de ben, aínda estamos a tempo de evitar. O perigo está nunhas estatísticas para poñerse a tremer. Ía dicir para non saír á rúa, pero que frase tan pouco é afortunada cando a ameaza, en tantos e tantos casos, está precisamente de portas adentro. No que levamos de 2019 foron asasinadas en España doce mulleres por outros tantos verdugos e dígoo coa boca pequena, non sexa que de aquí ao martes, cando estean lendo estas liñas, a conta quedase desactualizada. Máis vítimas que semanas. Só desde o venres foron tres as mulleres as que perderon a vida a mans, presuntamente, das súas parellas. Estrella, Gloria e María José non volverán apertar aos seus fillos, non volverán emocionarse cun libro nin cunha canción nin volverán pisar a area morna da beira do mar nun día de primavera. Tampouco poderán ir ás urnas nin o 28 de abril nin o 26 de maio.

Pero nós si que podemos. Aínda estamos a tempo de impedir que cheguen nin sequera a cheirar o poder eses partidos que negan a violencia de xénero, que se opoñen á visibilidade da muller, que nos chaman feminazis, eses aos que lles parece normal que as cifras de asasinadas por homes medren como a escuma sen que poidamos facer nada máis que berrar nin unha máis ata quedar sen voz. Nas urnas é onde podemos evitar que esas organizacións políticas cheas de mentireiros, cínicos, egoístas, retrógrados e ignorantes poidan decidir nada sobre as nosas vidas nin sobre as nosas mortes, nin sobre os nosos úteros, eses mesmos úteros que algúns confunden con incubadoras ao seu servizo para xestar meniños que poidan comprar os ricos ou futuros obreiros que poidan ser explotados por un salario miserento para maior gloria dos grandes empresarios do país.

É nas urnas onde debemos deixar patente, máis que nunca, a nosa fartura, a nosa indignación e a nosa rabia, pero tamén a nosa esperanza en que un mundo mellor é posible, un mundo onde as mulleres poidamos saír á rúa sen medo a ser asasinadas, violadas ou molestadas con piropos asquerosos no mellor dos casos; un mundo no que a brecha salarial sexa un mal recordo e onde o machismo quede no pasado.

É nas urnas onde lles podemos dar esas malleiras, e non na cara (dura) dalgúns que confunden o terrorismo cun sopapo. Terrorismo, irmás, é o que mata tres mulleres en tres días.

As malleiras, nas urnas
Comentarios