Blog | Non tes tu fe

Bares, que lugares

Lector de prensa, en una terraza. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un home lendo o Diario na terraza dunha cafetería pontevedresa o pasado mes de xuño. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

ANTES DE NADA, o meu máis sincero perdón por se pillaron de refilón o titular deste artigo e agora non poden quitar da cabeza a dichosa canción de Gabinete Caligari (Al calor del amor en un bar, 1986, foron tempos). Non o puiden evitar, é escoitar a palabra e virme á cabeza o pareado.

Porque nestes tempos convulsos onde a sombra do coronavirus o cubre todo, bares, cafeterías, taperías, gastroespazos, restaurantes, tabernas, cervexerías e outros lugares consagrados ao comercio e ao bebercio están no ollo do furacán, para o bo e para o malo. Non é de estrañar nun país (sexa Galicia ou sexa España) onde o modelo produtivo ten este tipo de negocios no máis alto da pirámide. Apenas unhas cifras para trazar un panorama que confirma mitos como o de que quen non sabe que argallar cuns cartos da emigración / dunha herdanza / do paro acumulado aposta pola hostalería.

Para apoiar á hostelería sexamos responsables

Segundo o Informe Anual Tendencias 2019 elaborado por Hostelería Madrid, Galicia tiña o ano pasado 18.892 bares e restaurantes, superando ás outras tres comunidades da España Verde (Euskadi, Cantabria e Asturias) e só por riba de Andalucía, Cataluña, Madrid e Valencia a nivel estatal.

Segundo o propio Instituto Nacional de Estadística (INE), a mediados dese mesmo ano en España contabilizábanse 277.539 establecementos gastronómicos, o que viña a ser un por cada 175 habitantes. Sede non pasamos. España vén sendo (ou érao ata hai uns meses, pero a falta de datos obxectivos apostaría a que non perdeu o podio) o país con máis densidade de bares do mundo e desde 2015 viñan abrindo máis locais deste tipo dos que pechaban as súas portas.

Normal nun país no que a hostalería é o barómetro da saúde económica da poboación, que mide o seu poder adquisitivo segundo o número de cafés que pode tomar fóra da casa ou calcula se o prezo de calquera cousa é alto ou baixo en virtude do custe dunha copa (o mesmiño que o conto dos campos de fútbol aplicado ao cálculo de superficies).

Se a cantidade non deixaba de medrar tivo moito que ver tamén co cambio de prioridades na sociedade española (e galega, que aquí non nos diferenciamos tanto). Pasouse dunhas décadas nas que a xente priorizaba o aforro e apenas eran os homes os que ían ás tabernas, a uns tempos novos no que a socialización viña da man dun destes locais, sexa un bar de vellos con serrín no chan ou unha terraza á última moda. Porque estes espazos non son só lugares para o avituallamento, que valen tanto para tomar ese café urxente que o noso organismo pide como se fora a última pinga de auga no deserto como para tomalo porque si, soa ou en compañía. Son lugares de reunión, pero tamén serven de oficina (sempre con wifi, por favor), delegación xornalística ou sala de interrogatorios (perdón, de entrevistas). Cantas veces nos dixeron que as noticias estaban alí, nos bares.

As noticias que se escriben e as que se len. Que levante a man quen non preferiu invertir un euro e pico no café en vez de pagar o periódico no quiosco, porque os quiosqueiros non invitan a café. Ou quen evitou a culpabilidade de gastar 2,20 nunha revista do corazón podendo lela no bar saboreando unha cervexa con pincho de balde incluido.

Arrincámonos as vestiduras co peche da hostelería, polo tremendo golpe que supón tanto para a economía destes empresarios e dos seus empregados (habitualmente precarizados xa) como para o cambio de costumes dos usuarios. Argumentamos cos datos na man que bares e restaurantes apenas son responsables do 3,5% dos casos de covid en España desde maio, segundo o Ministerio de Sanidade. Pero para apoialos de verdade sexamos responsables. Nós e tamén os propios hostaleiros. Usemos a máscara cando é preciso, non nos xuntemos ás portas do local pechado cos cafés para levar e, por suposto, non imitemos a esa xentiña das festas clandestinas pisoteando todas as normas posibles. Sentidiño.

Comentarios