jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

Comprade, malditas!

Intervención do artista pontevedrés Isaac Cordal na praza Gendarmarkt (Berlín), orixinal de 2011, incluída na serie Cement Eclipses. ISAAC CORDAL
Intervención do artista pontevedrés Isaac Cordal na praza Gendarmarkt (Berlín), orixinal de 2011, incluída na serie Cement Eclipses. ISAAC CORDAL

A RAÍÑA Letizia estreou este luns unha saia. Pero non calquera saia. Segundo nos contan as crónicas rosadas, tratábase dunha prenda da colección Conscious, a versión sostible da firma sueca H&M. É desas pezas que fabrican reciclando a roupa vella que botamos nos seus colectores a cambio dun descontiño de cinco euros por cada 30 de compra (aprende, Amancio). Unha saia que combinou cunha blusa que, atención, xa tiña posto máis veces. O outfit era ideal para a recepción no Palacio Real de Madrid aos xefes de Estado, de Goberno e de delegacións asistentes á Conferencia de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático. (Ben, non sei se os zapatos de pel de serpe entran nesta categoría).

A capital do reino acolle esta cimeira mundial á que chegará Greta Thunberg este mércores –ao igual que Lores–, despois das dez horas en tren entre Lisboa e Madrid que porán o ramo á súa travesía atlántica en veleiro. Que galego todo. Temporal na mar e unha eternidade sobre raís.

Que mellor que recibir aos 25.000 da COP25 co lucerío de Madrid?

Coincide a COP25 con outros dous acontecementos mundiais como se dunha broma macabra se tratara: o Black Friday e a megalomanía do alcalde de Vigo traducida no millón de euros de gasto e os tropemil leds, noria incluída. Unha idea, a de Caballero, que se reproduce como cogomelos (velenosos?) noutras cidades tales como a propia Madrid ou mesmo Málaga. Non era broma, non, cando o pasado mes de setembro, aínda coas praias ateigadas, os rexedores de Vigo e Madrid discutían sobre cal das cidades ía ocupar o top one do alumeado de Nadal.

Almeida tíñao claro: para que quedar como perdedores podendo gastar tres millóns de euros en lucerío para abraio dos 25.000 asistentes ao cumio? Todo moi coherente, porque se ve que a contaminación lumínica que desprende semellante despregue non conta.

Afirman os defensores desta teoría que a máis iluminación de renos e campaíñas máis ganancia para o comercio e a hostalería. Esgrimen cifras e moitos ceros (imaxínomos sacudindo uns folios con garabatos a boli bic) para xustificalas, que seica só a primeira fin de semana xa se recuperou o gasto. Mesmo aparecen editoriais en periódicos cataláns apelando á "sana envidia" coa que miran á cidade olívica.

Que xa se recuperou o gasto. Imaxino que si, que comercios (ben, comercio local? Corte Inglés? Centros comerciais?), restaurantes e hoteis estarán aplaudindo coas orellas, pero quixera saber eu se opinan o mesmo os cidadáns de a pé, se realmente lle sacan algún rendemento a ese gasto que sae dos petos de todos. Din que o lucerío de Nadal anima ás compras e pregúntome que necesidade hai de promover un consumo máis desaforado do que xa é habitual nestas datas, que por se os encargos dos Reis Magos e Santa Claus non foran suficientes, agora se nos une o Black Friday. Compra! Compra ou extínguete!

Que se a esta voráxine de tendas e bolsas (de papel, por suposto) e tarxetas de crédito fumegantes se une o auxe das compras por internet, digo eu se non aumentarán as emisións polo incremento do transporte, por non falar das condicións laborais das persoas que traballan no sector. Quéroo e quéroo xa.

E ao final, todo se reduce a uns cantos señores con garavata facendo que arranxan o mundo. Escenifícao moi ben a imaxe de arriba. É unha escultura en miniatura que o pontevedrés Isaac Cordal instalou en 2011 na plaza Gendarmarkt de Berlín. Aínda que a obra se titula Campaña electoral, nas redes rebautizárona como Políticos discutiendo el calentamiento global. E non me estraña.

Comprade, malditas!
Comentarios