Blog | Non tes tu fe

Cóntame outro conto

Centro de Saúde de A Parda. GONZALO GARCÍA
photo_camera Centro de Saúde de A Parda. GONZALO GARCÍA

SE UNHA veciña de Moraña pedira cita onte para o seu médico de familia non lla darían ata dentro de nove días. É unha situación máis que habitual tamén, por poñer outro exemplo, no centro médico de Anafáns, en Poio. Entón, no caso de sufrir algún contratempo de saúde que non sexa tan grave como para atreverse a achegarse ás urxencias do hospital (xa bastante saturadas) pero si o suficientemente importante como para non quedar na casa nin automedicarse (iso tan malísimo), que pode facer?

Penso agora, por poñer un caso, nunha desas gripes que están baleirando os colexios nestas semanas e que non distinguen entre nais, mestras e escolares. Escolares que precisan dun pediatra, esa figura mitolóxica que tan pouco abonda en certas vilas galegas.

Pois hai dúas opcións: ou aguantar (cunha crianza, descartado) ou plantarse no centro médico solicitando unha cita urxente, esas que van ‘coando’ na axenda dos doutores, xa de por si habitualmente nutridas.

Entón, mentres agardas pacientemente (en todos os sentidos) na sala de espera sempre podes entreterte mirando as pantallas nas que se van sucedendo as quendas cos números dos tiques que previamente recolleches nunha maquiniña ao entrar, igual que na carnicería ou en Correos. Un sistema, iso si, moi práctico que nos evita o de preguntar ‘quen é a última’ e atoparnos nunha lista de pacientes do día á vista de todos.

Esas pantallas informativas, que se empezaron a xeralizar hai máis dun ano en centros de saúde e hospitais da rede pública galega (pero, ollo, é un elemento privatizado máis), divídense en dúas metades. Nunha van sucedéndose a golpe de pitido as chamadas á consulta e na outra o Sergas aproveita para contarnos cousas.

A última vez que estiven era unha peza audiovisual moi xeitosa na que nos daban pautas sobre que facer se alguén empeza a sentir os síntomas dun infarto. De feito, repaso hemeroteca, cando a subministración das pantallas e os dispensadores de tiques saíu a concurso alá polo outono de 2017 por 660.000 euros, establecíase que ademais de xestionar as quedas de espera para optimizar as consultas e garantir a privacidade dos doentes, nas pantallas se ofrecería información multimedia sobre saúde, noticias, avisos e mesmo programación televisiva. Quen sabe se mesmo poderían aparecer Gayoso ou Roberto Vilar!

Unha dose cada oito horas e un pouquiño de propaganda

É por iso que, segundo o prego de condicións, estas pantallas non deberían emitir o que, nas últimas datas, apareceu cal poltergeist nas salas de espera de varios centros de saúde da Coruña. Segundo denunciou SOS Sanidade Pública, no consultorio do Ventorillo ditas pantallas emiten un vídeo de propaganda da Xunta no que se explica, con todo luxo de detalles, a promesa do Goberno de Feijoo de ampliar o Hospital da Coruña. Todo precioso. Máis aínda a unhas semanas das eleccións autonómicas. Non sería a primeira vez que tal cousa sucede, pois xa en 2013 os socialistas denunciaban que o Sergas utilizaba as pantallas das salas de espera dos hospitais para a "autopromoción" do Executivo autonómico.

A diferenza coa actualidade é aínda máis abraiante, toda vez que este despregue de ‘información’ coincide coa instrución do Sergas que prohíbe a colocación de carteis que puideran resultar "inxuriosos ou ofensivos para determinadas persoas, colectivos ou institucións", argumentando que a presenza de determinadas "críticas ás diferentes políticas sanitarias ou convocatorias a actos de protesta irían en contra do principio de neutralidade" das institucións. Cóntame outro conto.

Comentarios