Blog | Non tes tu fe

O corredor enmascarado

A Illa das Esculturas, totalmente baleira, unha mañá chuviosa de Semana Santa. C.G.
photo_camera A Illa das Esculturas, totalmente baleira, unha mañá chuviosa de Semana Santa. C.G.

SPOILER: ESTE artigo non vai de Batman disputando os 100 metros lisos.

Non todos os heroes levan capa, pero algúns, por moito que o crean, tampouco levan máscara.

A Xunta deulle o pasado venres unha nova volta ao asunto do tapabocas e desde onte as persoas que realicen exercicio ao aire libre estarán exentas de levalo sempre e cando se poida garantizar unha distancia de seguridade de metro e medio con outras persoas (deportistas ou non) que non sexan convivintes.

Non obstante, a máscara si seguirá sendo obrigatoria en vías públicas como rúas, avenidas, paseos, prazas e camiños, en todo caso, en lugares de circulación habitual de viandantes.

Apelando ao sentido común, ese que tampouco está garantizado sempre nas decisións que toman as autoridades, isto mesmo aplicarase tamén ás actividades que supoñan "un esforzo físico de carácter non deportivo equiparable a este, ao aire libre e de forma individual". É dicir, o das andainas de toda a vida.

Ben. Agardo que esta última palabra poña fin á recua de protestas, comentarios, excusas peregrinas pero non xacobeas e argumentos máis ou menos axeitados sobre o famoso culebrón do corredor enmascarado.

Non me refiro a ningún condutor de Fórmula 1 con careta, senón a todos aqueles runners que clamaron ao ceo durante os últimos meses pola obriga de levar máscara para practicar o seu deporte favorito. Igual pensaban que era para fastidiar e non para evitar que exhalasen como poldros desbocados a escasos centímetros da xente que ía paseando tranquilamente, quen di pola Illa das Esculturas di por calquera beirarrúa pegada ao Lérez, por exemplo.

Alegaban, con razón, que correr con máscara é incómodo. Tampouco é moi agradable facer ioga ou pilates con ela posta, ou estar traballando enbozada oito horas seguidas. Ah, pero é que estamos falando de deporte ao aire libre, no exterior. Ah! Entón se pretendían poder correr sen máscara cal é o motivo polo que eu tería que andar, a paso máis ou menos rápido sen ela? Cal é a diferencia? Ir en chandal? O modelo das zapatillas?

A diferenza e é que os corredores sempre se cren os donos do espazo. Dálles igual paseos marítimos que sendeiros fluviais, beirarrúas máis ou menos estreitas que zonas peonís... Algo parecido aos ciclistas, aínda que non vou dicir que tanto estorban aos viandantes nuns sitios coma aos condutores no outro. Que se vas correr só por un monte igual nin é necesaria a máscara? Pode que non. Pero ata agora era obrigatoria e sempre había o risco de multa aínda que non houbera nin unha soa persoa arredor (ollos que non ven...). Por iso Pepita podía dar un paseo soa sen tapabocas pero tiña que poñelo se ía acompañada da súa amiga Mucha.

Pero cando botas a correr exhalando como poldro á fuxida polo medio dun paseo marítimo, dun sendeiro fluvial ou dunha rúa peonil onde haxa máis persoas, é un pouco retorto apelar á práctica do deporte individual por moito que non vaias acompañado doutros amantes do running. Estás facendo deporte (sanísimo e recomendadísimo) polo medio doutra xente que, a un ritmo máis pausado, tamén lle gustaría camiñar (a ritmo máis ou menos rápido) sen máscara. Pero que antepón a solidariedade á velocidade. Porque non podemos apelar ao concepto saudable do deporte mentres exhalamos, cuspimos e suamos a centímetros doutra xente. Igual que non se me ocorre ir facer quilómetros a pé polas pistas do CGTD.

Comentarios