Blog | Non tes tu fe

Des-memo-ria

colegio salvador moreno
photo_camera Colegio Salvador Moreno.

NON ME gustan os colexios de curas e de monxas. Aínda que entre os equipos docentes, marabillosos nalgúns casos, non quede máis que o recordo das sotanas e os hábitos. Non me gustan eses corredores cheos de iconografía máis propia dun templo ou dun confesionario. Eses cristos presidindo as aulas ao máis puro estilo dos colexios de EXB hai 30 ou 40 anos. Non comulgo coa filosofía da escola concertada. Ese quero (ir a un privado) e non podo (e pagádesmo entre todos por non sei que concordato perdido na noite dos tempos). Non comulgo, sobre todo, porque o concerto é cun determinado tipo de centros, cortados todos polo mesmo patrón. Aínda que eduquen en valores, mesmo nalgúns valores moi aconsellables, pero entre os que nunca estará o laicismo.

Eses colexios, na súa inmensa maioría, levan a súa filosofía ben clariña, empezando polo nome, de virxes, de santos, de diversas acepcións relixiosas ou de distintas congregacións, que ademais de non deixar lugar a dúbidas, mesmo nos poden recordar ás parroquias de toda a vida, ás festas patronais, ás romarías e ás rosquillas de Ponteareas.

Pero alomenos, ningún destes centros leva o nome de Salvador Moreno, un militar español, concretamente do Ferrol, esa cidade da que pode saír todo o bo (ola, Yolanda Díaz) ou todo o peor. Este señor participou no golpe de Estado de 1936 contra a II República que desencadeou a Guerra Civil e despois, faltaría máis, ocupou varios cargos na ditadura franquista, entre eles o de ministro da Marina. Aquel aciago 18 de xullo apoderouse dun barco que utilizou semanas despois para bombardear Xixón. Ao ano seguinte comandou outro acorazado para facer o mesmo coa poboación civil que fuxía de Málaga, provocando preto de 5.000 mortes. En 2008, cando o de Baltasar Garzón, xa era tarde para que pagara por estes feitos. Levaba 42 anos morto.

Morto de corpo, que non de espíritu, porque cando en 2002 o bipartito o expulsou do rueiro pontevedrés para cambialo por Rosalía de Castro non foi con unánimes beizóns, empezando por M. Rajoy, que viviu alí moitos anos e lle segue chamando polo nome orixinal (hai quen fala do Mopu ou da Cotop, cousas peores se viron); seguindo polos concelleiros do PP (Dividen á cidadanía! Alteran a paz nas familias!) e acabando por moita xente de a pé que ve un obstáculo insalvable en cambiar o enderezo nos papeis. (Por certo, que ao seu sucesor no Ministerio aquel, Francisco Regalado, aínda acaban de chimpalo non hai moito do rueiro de Poio).

Quere a xente de ben seguir ligada ao nome dun bombardeador?

Pois case vinte anos despois dese acto de hixiene democrática, seguimos a voltas co señor Moreno. O BNG volveu reclamar no Congreso que o Goberno central, do que depende este colexio pontevedrés, lle cambie o nome, pois non é plan de renderlle homenaxe a un franquista e, de paso, retirar toda a simboloxía fascista que aínda queda entre as súas paredes.

Como era de esperar as reaccións non se fixeron esperar, alomenos nas redes. Ignoro o que opina a comunidade educativa dese centro, pero seguro que son belísimas persoas que non quixeran semellante oprobio no nome do seu colexio nin verse ligadas coa traxectoria de Salvador (acertáronlle ben co nome, só lle faltaba ser louro). como non quererían pertencer ao colexio Goebbles ou Göring se estiveran en Alemaña. Seguro que nada teñen que ver con esa xente que bota a lingua a pacer nas redes (para que están, se non?) asegurando que "revolver la basura no hace más que generar mal olor" (acaso están metidas nese lixo, como as vacas que descansan no estrume da corte, e lles molesta que lla remexan?), por non falar doutros comentarios demagóxicos, ridículos e fóra de lugar. 

Comentarios