Blog | Non tes tu fe

Elisa e Marcela no século XXI

Greta Fernández e Natalia de Molina como Marcela e Elisa na película de Isabel Coixet. FOTO PROMOCIONAL
photo_camera Greta Fernández e Natalia de Molina como Marcela e Elisa na película de Isabel Coixet. FOTO PROMOCIONAL

UNHA DAS imaxes que máis me impactaron da película Elisa y Marcela (Isabel Coixet, 2019) foi aquela na que a veciñanza das protagonistas, unha vez superada a etapa dos asexos, as sospeitas e os díxomedíxomes, acaba convertíndoas no branco do escarnio público, convencida xa que de que o tal Mario non era senón a propia Elisa e que aquel "matrimonio sin hombre", como o definiu a prensa da época, era unha absoluta aberración. Merecían cárcere e ir dereitiñas ao inferno.

Esta historia real, a da primeira voda homosexual en España da que se ten constancia, datouse 104 anos antes de que se aprobara a lei que permitiu os matrimonios entre persoas do mesmo sexo neste país, ZP mediante.

Contra a igualdade e a tolerancia fomentan o odio

Hai uns días lembreime daquelas escenas, nas que Elisa e Marcela trataban de fuxir entre insultos e pedradas, lendo a noticia dunha presunta agresión homófoba sufrida por dúas rapazas de Carballo (A Coruña). Contan as crónicas que as dúas mozas, de 16 e 17 anos, estaban bicándose nun parque da localidade cando foron insultadas por tres rapaces, tamén menores. Igual que 118 anos antes, tamén as seguiron e bateron nelas. Puñadas, patadas, hematomas e beizos cortados. Unha visita ao centro de saúde e nin unha denuncia, por medo a represalias e ás súas propias familias, descoñecedoras da súa orientación sexual. "Si las familias llegan a saber que somos nosotras nos echan de casa, fijo", leu, nun comunicado, unha persoa achegada ás vítimas no transcurso dun acto de apoio.

As circunstancias que rodean o caso provocaron que mesmo chegara a dubidarse da veracidade do feito, difundido a través das redes e que, de chegar á vía xudicial, podería xulgarse como un delito de odio. Houbo que cuestionou a imposibilidade de manter o asunto á marxe da denuncia despois de ter pasado polo centro médico, quen o tachou de "montaje victimista" para darlle pulo ás asociacións pro LGBTIQ+ e quen non o creu, directamente, porque "ya no hay padres que echen a sus hijas de casa si se enteran de que son LGTB". Seguro?

Dáse a circunstancia de que esta historia coincide no tempo non só co auxe de partidos fascistas nas urnas e nos bares, senón con outro veleno, o da propaganda LGTBfóbica que a asociación ultraconservadora Hazte Oír (a mesma dos autobuses coa mensaxe tránsfoba los niños tienen pene y las niñas tienen vulva) enviou desde principios de curso a 23.000 centros educativos de todo o país. Tamén en Galicia, onde a situación foi denunciada por varias entidades. Son cartas e panfletos que cuestionan a realidade LGBTIQ+ e que queren botar abaixo a ensinanza que, acorde coa lexislación (e co sentido común e decencia, diría eu), fomenta a diversidade, a igualdade e a tolerancia.

Contra isto, contra a igualdade, o respecto, a tolerancia e a diversidade, fomentan o odio. Odio. Odio por ser "maricón" ou "bollera", palabras que, lamentan os docentes, aínda se escoitan polos corredores dos institutos.

Parecía que aqueles tempos pasaran. Parecía que agora a rapazada non tiña medo de vivir acorde cos seus sentimentos, que a ninguén lle chama xa á atención ver a dous rapaces collidos da man ou a dúas mociñas bicándose nun soportal como calquera parella de namorados. Pero igual era eu moi optimista. Porque a Red Educativa de Apoyo LGBTIQ+ advirte de que esta propaganda pode multiplicar os seus efectos nocivos cando xa hai estudantado que sofre acoso ou depresión, porque igual a homosexualidade xa non parece tan rara pero o alumnado trans aínda o ten moi difícil.

Comentarios