martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

España monolingüe

'Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta', traducido ao catalán pola Editorial Barcanova. CEDIDA
'Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta', traducido ao catalán pola Editorial Barcanova. CEDIDA

O VINDEIRO verán cumpriranse 24 anos (mi madriña, case un cuarto de século!!) da miña primeira viaxe a Inglaterra para vivir catro semanas inmersa na lingua de Shakespeare. Foi grazas a unha bolsa de estudos que dona Esperanza Aguirre se encargou de suprimir convenientemente nada máis chegar ao ano seguinte ao Ministerio de Educación da man de don José María Aznar. Pero iso, amigas, é outra historia.

A estación de autobuses de Pontevedra, onde empezou a viaxe que me levaría polos aeroportos de Madrid e Liverpool, tampouco é que cambiara moito en todo este tempo, pero ese asunto tamén daría para outro artigo. Alí, digo, empezou unha aventura que, entre outras cousas, me fixo convivir case un mes con medio cento de mozos e mozas da miña idade, chegados desde todos os recunchos de España.

Imaxinan que estudaramos catalán ou vasco nas escolas?

Supoñíase que a idea era que falaramos todo tempo en inglés, que para iso nos levaban, e non nos quedaba outro remedio coas familias de acollida, cos profesores nativos e coa xente de alí en xeral. Pero claro, en vez de iso xuntáronnos a todos os españolitos oito horas ao día e de alí non podía saír nada demasiado bo. Lingüisticamente falando, claro.

Volvinme acordar de varias anécdotas daquel verán a propósito da reportaxe Literaturas que no circulan, que Álvaro Colomer asinou a semana pasada no periódico barcelonés La Vanguardia.

Lembreime, por exemplo, de cando Nuria, de Pamplona de toda a vida, quedou abraiada ao verme escribir no diario cando iamos de excursión a Chester nun bus. Non polo que poñía (medo me dá), senón porque o facía en galego e estrañoulle que eu pensase en tal lingua. Recordei tamén como Laura, madrileña de sempre, nos preguntaba con moito interese como era aquilo de estudar este idioma no instituto, cos ollos abertos como quen vira un unicornio. Ou catalán, éuscaro e valenciano. Ou a curiosidade que nos producía ver como aquel rapaz de Galdácano, Unai, nos falaba na súa lingua nai.

Laura admitía con certa envexa que lle gustaría ter un idioma de seu máis aló do castelán e poder estudar un mínimo de tres linguas, como os que iamos de comunidades con idioma propio.

Todas estas lembranzas viñéronme á cabeza coa reportaxe de Colomer, na que empeza dicindo que case a metade da poboación española ten a posibilidade de ser bilingüe mentres o resto ten que conformarse co castelán. E non só iso, senón que "además vive de espaldas a la realidad idiomática del Estado al que pertenece". No ámbito da literatura, engade, este descoñecemento é aínda máis palpable, pois hai moitísimos escritores galegos, vascos, cataláns e asturianos dos que os seus compatriotas non coñecen absolutamente nada. Souberon de Ledicia Costas, por exemplo, cando gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil en 2015 por unha obra escrita en galego (Escarlatina, a cociñeira defunta).

Por iso cando autores como a creadora da Señorita Bubble, Pedro Feijoo ou Arantza Portabales (por non falar dun clásico como Manuel Rivas) publican en castelán, sinto un aquel de satisfacción, por toda esa xentiña que poderá acceder ás súas letras sen saber a nosa lingua. Pero non sería mellor que esas traducións non foran necesarias? Que os distintos idiomas do país se estudaran nas aulas de xeito normalizado? "Vivimos nun Estado plurinacional no que a diversidade debería premiarse, non penalizarse", di Costas. Seica o Goberno de Sánchez anunciou unha Ley de Pluralidad Lingüística. Fagan as súas apostas.

España monolingüe
Comentarios