miércoles. 19.02.2020 |
El tiempo
miércoles. 19.02.2020
El tiempo

Ethan, Greta, Miquel

Ethan, no cuarto no que garda as máis de mil bonecas que el mesmo customiza e viste. RAFA FARIÑA
Ethan, no cuarto no que garda as máis de mil bonecas que el mesmo customiza e viste. RAFA FARIÑA

LEO NA prensa a historia de Isaac Castelo Ares, un rapaz da Coruña que aínda sen acabar os seus estudos de Moda en Compostela xa pode presumir de ter vestido a Blue Ivy, a herdeira de Beyoncé e Jay Z, que luciu na final da Super Bowl un top creado por MIN Couture, a firma que fundou xunto a María Broz e Noé Montes. A fillísima é unha das raparigas máis famosas do mundo e a súa aparición é garantía de publicidade e recomendación, así que cantos non quixeran estar no lugar deste mozo de 20 anos que xa fundara a súa primeira marca, Caasi Sera, con só 16. O vindeiro curso mudarase a París para graduarse na Escola Superior de Artes e Técnicas de Moda (ESMOD), pero ata o momento xa tivo outras clientas famosas tanto no mundo influencer como na tele, con Lucía Regueiro como modelo de excepción. Fai tres anos contaba nunha entrevista que debuxaba desde que era neno, que sempre pintaba vestidos e princesas e que o seu primeiro deseño o fixera fai dous anos para unha amiga.

Saír do rabaño é ter moitas papeletas para sufrir bullying

Lin isto e non puiden evitar acordarme de Ethan L. Carballo, alumno do IES Torrente Ballester, que a semana pasada saltou ás páxinas da prensa local para contar a súa historia, que non é a de calquera rapaz de 17 anos. Ten unha colección de máis dun milleiro de bonecas, a maioría Monster High, que el mesmo customiza de pés a cabeza e viste desde hai dez anos. A afición chegoulle pronto a este bisneto de costureira, con só sete anos, a esa idade na que ás crianzas lles chega o «uso de razón», ou iso nos dicían de pequenas. Ethan non atopou atrancos na familia (un aplauso para esa orgullosa nai) nin na sociedade en xeral. Non ata que... chegou ao instituto e el, coa súa boa fe, faloulle do seu hobby aos compañeiros. Non tería pasado nada se lle gustara o fútbol, o Fortnite ou o que fora que estivera de moda hai cinco anos entre os pequenos proxectos de home con supostos gustos masculinos.

Seguro que cando Elisa Cotelo contou na aula a súa paixón polas bonecas (súa é a marabillosa idea Barbies de Pontevedra que triunfa en Facebook e Instagram) non atopou o rexeitamento en forma de acoso escolar, de insultos e ameazas que recibiu Ethan, que afortunadamente soubo sobrepoñerse a esas pequenas mentes.

Porque ela era unha rapaza.

É triste que os estereotipos de xénero empecen a prender raíces en cabeciñas que non levantan un metro do chan. É máis triste aínda que con once ou doce anos, cando xa se supón que o «uso de razón» está máis que asentado, se ataque e insulte algo que cheira a diferente. A distinto, a orixinal, a valentía e a amor propio. Algo que escape do rabaño.

Pero o peor é que estas actitudes tan noxentas non atopen resposta nos adultos que deberían deixar as cousas claras e, sobre todo, servir de exemplo para unha rapazada que ás veces está máis que perdida neste mundo tolo.

Pero que dicir se son eses mesmos adultos os que nin sequera teñen a vergoña de respectar a adolescentes como Greta Thunberg (que dicir dela a estas alturas) ou Miquel Montoro, o mallorquín que vén de cumprir 14 anos e que é todo un fenómeno por varias cousas, entre elas por unha canle de Youtube na que ten máis de 161.000 suscritores (e medio milón de seguidores no Instagram) e na que relata no seu idioma materno como é a vida no campo (ae aínda por riba gordecho, algo que tampouco lle aforrou o bullying, iso si, antes de ser famoso). Pois hai quen non lle perdoa que sexa fiel a si mesmo, que fale a lingua que lle peta ou que presuma dun mundo rural que debiamos ter nun altar. Adultos, seica.

Ethan, Greta, Miquel
Comentarios