Blog | Non tes tu fe

Historias afogadas

Librería Paz. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Unha imaxe do interior da librería Paz, un auténtico referente da literatura en Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

DISE QUE as librerías agochan un mar de historias, un océano de novelas, poesías, contos, banda deseñada e ilustracións que xa é difícil non atopar algunha que nos guste. Que ata mesmo nos encante, nos emocione ou nos faga querer lela unha e outra vez. Que nos anime a levar un pequeno botín para a casa pese a que, admitimos, temos aínda unhas cantas pendentes de pasar as súas páxinas. De certo, mesmo hai unha palabra xaponesa, tsundoku, que significa, literalmente, comprar máis libros dos que un pode ler. (Tapa os ollos, Mari Kondo).

Por iso repaso con certa tristura os datos do último Barómetro de Hábitos de Lectura y Compra de Libros, elaborado pola Federación del Gremio de Editores en colaboración co Ministerio de Cultura. Fixérono mediante entrevistas a máis de 5.000 persoas. Nunca fun moi fan da estatística (dise que é a primeira das mentiras, o conto do medio polo e tal) e non podería dicir se esta cifra ten suficiente relevancia nun país de máis de 45 millóns de habitantes. É aí, quizais, onde radica a esperanza de que a realidade sexa un pouquiño menos devastadora.

Só un 4% dos galegos escolle libremente ler na nosa lingua

Porque son, basicamente, decepcionantes. Resulta que un 32,8% dos españois maiores de 14 anos non le nunca un libro. Nunca. Nin querendo nin obrigados. Hai cifras aínda peores: un 38,2% non le nunca no seu tempo libre e ata un 16% afirma que nin sequera se lle pasa pola cabeza coller un libro. Que si, que entendo que ao mellor o Manual de Mecánica Vectorial para Ingeniero non é o plan máis atractivo -pero hai xente para todo-, nin calquera bodrio deses que fan que te acordes das árbores que deron a súa vida para poder imprimilo. Pero tamén hai tantísimos libros excepcionais, bos ou, alomenos, entretidos, que dá moita mágoa que tanta xente viva de cóstas a eles.

Este mesmo estudo detecta un leve ascenso de lectura en webs, foros, redes sociais, revistas e periódicos dixitais, o que tamén se pode entender, pois ás veces mesmo se atopan verdadeiras xoias ás que non lles fai falta ser encadernadas para ascender no podio das lecturas recomendables.

Un dato para a esperanza é a alta porcentaxe de lectores novos (o 78,8% das mulleres e un 65% dos homes de entre 14 e 24 anos afirma ler ao menos unha vez ao trimestre), aínda que me dá no nariz que algo terán que ver as lecturas obrigatorias do instituto ou da Universidade. Non importa. O difícil é que estas cifras se manteñan nesas décadas nas que entre o traballo, os fillos e outras distraccións (quen dixo series?) o tempo para a lectura queda reducido máis do que unha quixera.

O barómetro tamén ordena as comunidades autónomas españolas pola cifra de lectores no seu tempo libre, o que deixa a Galicia nun triste posto doce de dezasete, cun 59,6% de lectores, fronte ao 72,8% da primeira, Madrid. Alomenos é un punto máis que o ano pasado. Sexamos optimistas.

Claro que, se achegamos o obxectivo e nos fixamos no idioma das lecturas, dan ganas de chorar. Por que? Porque só un 4% (un ridículo 4%!) escolle a lingua galega para ler no seu tempo de lecer. Coas lecturas obrigadas no ensino a cifra sobre a un 17%, pero, diciamos, que pouso queda delas para que a rapazada siga apostando polas nosas letras cando deixa as aulas?

Así que, definitivamente, pertenzo á minoría. Minoría por ter entre os 29 libros da miña mesiña de noite (volve tapar os ollos, Mari Kondo) algúns de Ledicia Costas, Manuel Rivas, Antía Yáñez, Anna R. Figueiredo, Pedro Feijoo ou Eli Ríos. Estas historias non quedarán afogadas no mar da librería.

Comentarios