Blog | Non tes tu fe

Incluso

Participantes en la marcha del 8M. DAVID FREIRE
photo_camera Participantes en la marcha del 8M. DAVID FREIRE

EL CONSENTIMIENTO explícito será necesario incluso en las relaciones matrimoniales », escribiu un cronista en varios xornais de Andalucía e Estremadura despois de que o Consejo de Ministros y Ministras dera o primeiro paso, o 3 de marzo, para sacar adiante o anteproxecto de Ley Orgánica de Garantía Integral de la Libertad Sexual.

Incluso.

Se isto se publicou en medios de información convencionais podedes imaxinar que outras burradas saíron á luz en foros menos académicos. Pero resulta que segundo os datos achegados polo Ministerio de Igualdad o 13,7% das mulleres de España sufriu violencia sexual por parte das súas parellas. E de todas as violencias sexuais só se denuncia o 10%, polo que mete medo pensar ata que punto estas agresións están invisibilizadas de portas adentro. Porque quen contaría que un maltratador ou asasino de mulleres podería ter violado á súa parella. E como apuntou a delegada do Goberno contra a Violencia de Género, Victoria Rosell, a ollos da lei quedaron lonxe aqueles tempos nos que o varón tiña dereitos superiores sobre a esposa en virtude do sagrado sacramento do matrimonio. A Igrexa, que sempre entendeu estes asuntos do demo e a carne ao seu xeito.

Parécenos fatal que a ministra pretenda decirnos como escribir

Resulta que este «incluso» acentuou a estupefacción nos ámbitos máis rancios da nosa sociedade polo que iso implica a nivel lexislativo, pero ao mesmo tempo non chamou á atención polo que significa ese titular, subliñando ese matiz. Do mesmo xeito, a outros pareceulles do máis normal que un rotativo titulara que o asasino dunha muller en Madrid estaba namorado dela. Xa sabedes, la maté porque era mía y, además, era puta.

Precisamente polo feito de que eses titulares e crónicas sigan publicándose con total normalidade son necesarias máis que nunca as medidas que contempla o anteproxecto do Ministerio de Igualdade no ámbito mediático. A intención é que as administracións públicas promovan a formación de periodistas e profesionais da comunicación «con el fin de capacitarlos para informar sobre las violencias sexuales con objetividad, sin estereotipos de género, con pleno respeto a la dignidad de las víctimas y su derecho a la libertad, el honor, la intimidad y la propia imagen».

Ai! Agora si. Un atentado contra a prensa e a liberdade de expresión en toda regla. Imaxinade un goberno do PP formando a periodistas co obxectivo de capacitalos en algo. Deus non queira!

Porque onde se viu que os medios de comunicación escribiran ao ditado de ningún goberno!

Pero botan ás mans á cabeza cando a pretensión é poñerlle un pouco de decencia a certas informacións. Porque o ven como unha novidade cando hai anos que outras administracións, tanto autonómicas como provinciais ou municipais, levan feito traballo divulgativo en materia de linguaxe inclusiva, por poñer un exemplo.

Que moitas veces as que teriamos que dar exemplo (xa saben, formar, informar e non só entreter) precisamos que alguén nos sinale os erros. Porque ás veces non vale o que aprendemos na facultade hai 20 anos (ou 40, se é que pasamos por estas aulas) cando a sociedade cambia a un ritmo vertixinoso, sexa sobre violencia machista ou sobre o universo LGTBI+ (e seguro que deixo algunha sigla atrás). Que a información é obxectiva é unha quimera, porque non somos robots senón seres humanos coas nosas vivencias e percepcións, pero si temos que poñer por diante a honestidade e o sentido común. E asumir que podemos facelo mellor.

Comentarios