Viernes. 24.05.2019 |
El tiempo
Viernes. 24.05.2019
El tiempo

O luxo do dereito ao voto

A asociación Fademga Plena Inclusión Galicia convocou un simulacro electoral para persoas con discapacidade intelectual. JOSÉ LUIS OUBIÑA
A asociación Fademga Plena Inclusión Galicia convocou un simulacro electoral para persoas con discapacidade intelectual. JOSÉ LUIS OUBIÑA

FALAN do sufraxio universal, pero poucas cousas hai menos universais que o dereito ao voto. Parecía que todo o mundo tiña a posibilidade de achegarse un domingo electoral á urna máis próxima ao seu domicilio, pero resulta que non. Que había 100.000 españois con discapacidade intelectual que tamén tiñan vetada a súa participación na festa da democracia. Rite ti dos atrancos que sofren tantas veces para acceder a discotecas ou outros espazos de ocio cando nin sequera podían exercer un dereito básico como o de elixir aos seus representantes políticos.

Que agora o poidan facer é grazas a Lourdes González-Laganá, unha valente avogada, que levou a loita ata o final, ata o mesmísimo Tribunal Internacional de Dereitos Humanos; a Mar Caamaño e á súa filla, Mara. Esta moza con síndrome de Down perdera o dereito ao voto tras ser posta baixo tutela xudicial, despois de ter acudido xa ás urnas nuns comicios autonómicos e en dous xerais.

Quen decide que votos son conscientes, libres e voluntarios?

Apoiadas por Down Compostela, que agora vén de concederlles o seu Premio Extraordinario, a letrada e esta familia de Esteiro (A Coruña) levaban desde 2015 reclamando nos tribunais este dereito fundamental para as persoas privadas del durante un proceso de incapacitación xudicial. En España pecháronlles todas as portas, pero en Estrasburgo déronlles a razón e mesmo censuraron que o Estado español non adaptara a súa lexislación á Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade.

Todo isto vén a que, despois desta merecida victoria que obrigou a reformar a Ley Electoral General, estas 100.000 persoas -5.000 delas galegas- aínda tiveron que enfrontarse a outro obstáculo, o da Junta Electoral Central, formada por oito xuíces do mesmo Tribunal Supremo que previamente zapateara a demanda de Mara.

Non lles debeu convencer a sentenza de Estrasburgo que aínda tiveron máis que dicir e emitiron unha resolución que insta a calquera membro das mesas electorais, mesmo a apoderados e interventores, a facer constar en acta se considera que o voto dalgunha persoa con discapacidade non é exercido de xeito consciente, libre e voluntario. A resposta social obrigounos a modificar a resolución, pero case foi peor o remedio que a enfermidade, pois agora o novo texto permite a eses mesmos interventores e apoderados anotar o DNI de calquera votante do que sospeiten que non exerce o seu dereito con toda consciencia, liberdade e voluntariedade. Que pasa despois? Que se fai con esa lista? Para que serve? Para impugnar un voto? Cal? Un que marquen coa mirada ou algo peor? A mesa enteira, directamente? Quedo pampa. Quen decide que votos son conscientes, libres e voluntarios? Hai 22 anos que votei por primeira vez e desde entón, incluídas non sei cantas eleccións como xornalista e mesmo unhas a pé de mesa electoral, atopeime con innumerables exemplos que, quen sabe, poderían pasar a engrosar esa lista de votos sospeitosos.

Anciáns que malamente podían dicir o seu nome levados do brazo por solícitas hermanitas, sospeitosos servizos de  transporte á carta para que os pobres velliños do rural non quedaran na casa nun día tan sinalado, sobres coa papeleta correcta traídos da casa no petiño do mandil... Exemplos coma eses estamos fartos de coñecelos, pero nunca se fixo nada, por non falar dos votantes da emigración, moitos deles criando malvas pero que deciden gobernos enteiros.

O da liberdade e a voluntariedade podería cuestionarse, pero o da consciencia mesmo daría para obrigarnos a pasar un exame a toda a pobación maior de 18.

O luxo do dereito ao voto
Comentarios