Blog | Non tes tu fe

Meniña gaiteira

Meniña gaiteira non toques a gaita lostrega no ceo lostrega na praza. Meniña gaiteira non toques a gaita vai frío no ceo vai frío na praza. Meniña gaiteira non toques a gaita chuvisca no ceo chuvisca na praza. Meniña gaiteira non toques a gaita que toca o inverno fermosas sonatas.

Varias cativas, vestidas co traxe tradicional galego, o ano pasado no Día da Muiñeira. RAFA FARIÑA
photo_camera Varias cativas, vestidas co traxe tradicional galego, o ano pasado no Día da Muiñeira. RAFA FARIÑA

HAI COUSA dun par de meses, a miña filla de tres anos chegou da escola recitando esta peza, ou algo moi parecido na deliciosa forma de pronunciar propia desta idade. En bucle, por certo. Contábame que a mestra lles ensinara unha "mariñeira" e eu só puiden acordarme dos catro vellos mariñeiros xuntos metidos nun bote, pero non, non tiña nada que ver con esta.

Como non me soaba de nada, confésoo, alá fun a onde imos todas cando pasa isto: a Google ou a Youtube, pero os grandes oráculos non tiñan nada que dicirme ao respecto. Unhas semanas despois, cando xa a pegañenta (con cariño) melodía prendera definitivamente no meu maxín e xa fixeramos vídeo caseiro do recital, descubrín no blog do colexio que se trataba do poema O inverno, de Antonio García Teijeiro, agás por un pequeno detalle: que o protagonista da historia era un meniño gaiteiro.

A igualdade parece unha utopía vendo eses disfraces sexistas

Así é o orixinal, de feito, pero as mestras decidiron engadir ás estrofas orixinais unha versión feminina por aquilo da igualdade. Nesas mesmas aulas os cativos de tres, catro ou cinco anos están máis que afeitos a dicir "os rapaces e as rapazas" ou "os amigos e as amigas" en calquera frase sen pensar nin por un intre na redundancia nin na economía da linguaxe. E mesmo nos corrixen ás adultas se nos esquecemos ("os nenos e as nenas, mamá").

Son pequenos (ou grandes) de talles que nos fan crer que as futuras xeracións apostarán forte pola igualdade de xénero, pero non é suficiente. Para nada.

Non é suficiente cando nestes días, por exemplo, dan ganas de chorar vendo, por exemplo, algúns disfraces pensados para a cativada. Líao o outro día nunha reportaxe na que especialistas en psicoloxía e sexoloxía alertaban do tremendo dano que supoñen para as mentes infantís, sobre todo as delas, eses atavíos de policías (mulleres) con minisaia e medias de rede ou de bombeiras con minisaia (tamén) e botas de tacón de agulla. Todo moi edificante e parecido á realidade. Os disfraces deles, por certo, son moito máis parecidos aos orixinais, faltaría máis. Se xa me parecen absolutamente vergoñentos os de enfermeira sexi para adultas, por poñer un exemplo (pero ollo, a esa idade que cada unha vista como queira), que dicir cando as destinatarias son meniñas que non levantan un metro do chan.

O deses disfraces é un exemplo máis da horrible manía de querer hipersexualizar ás cativas e facerlles crer, desde a máis tenra infancia, que deben estar sempre guapas e atractivas ao máis puro estilo desta sociedade sexista. Outro exemplo son as maquillaxes para rapaciñas ou, indo máis alá, eses concursos de beleza nos que máis que meniñas parecen bonecas de plástico e que tanto éxito teñen en Estados Unidos.

Despois botamos as mans á cabeza cando chegan os trastornos de alimentación ou os problemas de autoestima se non encaixamos no canon estético de moda.

Por iso, sempre nos quedarán os disfraces de Spiderman e as meniñas gaiteiras.

Comentarios