martes. 22.10.2019 |
El tiempo
martes. 22.10.2019
El tiempo

Na saúde e na enfermidade

Mobilización en defensa da sanidade pública diante do Hospital Provincial de Pontevedra en 2018. RAFA FARIÑA
Mobilización en defensa da sanidade pública diante do Hospital Provincial de Pontevedra en 2018. RAFA FARIÑA

DIXÉRONO TANTAS veces que acabamos por crelo: a sanidade española é a mellor do mundo. Do mundo mundial. A galega tamén. Como non convencerse. Só hai que botar unha ollada fóra das nosas fronteiras. Podemos comparar os servizos dos que gozamos (é un dicir) e pagamos cos nosos impostos cos de algún hospital de campaña de África ou dalgunha clínica mexicana, por poñer un exemplo. Ou cos poderosos Estados Unidos de América, que non contan cun sistema de saúde universal e nos que unha importante porcentaxe da poboación tampouco pode permitirse un seguro médico. 

Pero igual é momento de acabar de descrerse de todo cando día a día vemos situacións que hai uns anos nos parecerían incribles. Ou que, dadas as circunstancias, terían que estar corrixidas en lugar de ir a peor. Temos para elixir: podemos lembrarnos do caos no que se converten as Urxencias de Montecelo día si e día tamén (e non fixo falta esperar ás peores épocas da gripe) debido á falta de persoal e de recursos, cando ata os propios profesionais lanzan un SOS á cidadanía para que se una ás súas reividicacións ante a Administración, esa mesma que non da conta do recado.

Tamén podemos falar dos atroces recurtes en Atención Primaria, eses que, desde hai uns anos, fan que vexamos case normal ter que esperar unha semana por unha cita no médico de cabeceira, ou que desmantelen os servizos de Pediatría en centros de saúde de concellos do rural. Cada vez nacen menos nenos e parece que aínda é un luxo coidar da súa saúde.

Son só dous exemplos. E despois están outras situacións que probablemente poderían mellorarse cun pouco de iniciativa. Porque en Pontevedra, por exemplo, levamos tanto tempo esperando un hospital axeitado (cantos anos perdemos co dichoso Monte Carrasco?), ese que agora chaman Gran Montecelo, que xa nos cansamos de conformarnos co que hai, con esa provisionalidade.

En que condicións están as nais dos bebés ingresados nun hospital?

Non sei se cando entre en servizo (poden apostar aquí por unha data, sempre en véspera electoral) se poderá solucionar a complicada situación que viven as familias con bebés ingresados, moitos deles lactantes, que precisan ter ás súas nais ao seu carón as 24 horas. Vaia por diante que o persoal adoita poñer todo da súa parte para que a estadía sexa o menos traumática posible, pero resulta complicado cando estas mulleres, moitas delas aínda no puerperio, non teñen nin unha cama na que tumbarse un momento a descansar, aínda que haxa unha ao lado do berce do seu fillo, porque está á espera dun hipotético ingreso doutro paciente; non poden asearse -porque o baño da habitación é para uso da crianza, non delas- nin poden comer ao lado do meniño. Todo está nas normas por escrito. É dicir, teñen que elixir entre non probar bocado e separarse do meniño a risco de que demande o peito. E sempre, por suposto, na gastada cadeira articulada que máis ben parece un instrumento de tortura. 

Pasoulle a Susana, unha pontevedresa que o contou hai uns días nas redes. Pasáralle hai case seis anos a Christina, que mesmo abrira unha petición en Change.org para tratar de revertir a situación. A ela, en máis dunha ocasión desde aquela. Tampouco valeron de nada as reclamacións por escrito. As normas, seica.

Pasoulles a tantas familias, aquí e noutros hospitais do país, que mesmo 65 organizacións e profesionais sanitarios de España asinaron unha declaración conxunta para demandar mellores condicións para o correcto desenvolvemento do vínculo entre nai e fillo e a lactancia materna durante os ingresos hospitalarios. Unha desas entidades, El parto es nuestro, mesmo xuntou máis de 130.000 sinaturas noutra petición en Change.org, hai algo máis de dous anos, para que o Ministerio de Sanidade garantise o ingreso conxunto dos menores coas súas nais. Segundo establece a Carta Europea dos Nenos Hospitalizados, os cativos han de poder ser acompañados en todo momento polos seus familiares sen que isto supoña un coste adicional para eles, polo que é básico asegurar unhas condicións mínimas de hixiene e comodidade para quen xa afronta a difícil situación que supón un ingreso hospitalario con menores. 

Mulleres, en resumo, que teñen menos dereitos que un preso, ao que non lle faltará cama, ducha e comida a diario. Trátase, ademais, dun maltrato de xénero, como ben di a xente de El parto es nuestro, pois só as nais paren e só elas poden estar co bebé ingresado durante o puerperio. 

Na saúde e na enfermidade
Comentarios