Blog | Non tes tu fe

No doce de novembro

"JOSÉ Adrio Barreiro, Germán Adrio Mañá, Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez Santomé, Víctor Casas Rey, Paulo Novás Souto, Ramiro Paz Carbajal, Luis Poza Pastrana, Benigno Rey Pavón e Juan Rico González son eses nomes convertidos en semente. Dez nomes que nunca debemos deixar de lembrar, como o de tantos outros, certo, pero o destes dez, gravados". Son palabras do compañeiro Ramón Rozas, escritas neste mesmo espazo hai un ano, días antes de que, como cada doce de novembro, Pontevedra rendera homenaxe a estes dez homes, fusilados na Caeira tal día de 1936 pola barbarie fascista. O seu destino quedou ligado, irremediablemente, ao doutros mártires como Alexandre Bóveda.

Hai cousas que non se poden esquecer. Porque a memoria histórica é cada día máis necesaria por moito que algúns se empeñen en querer evitar "reabrir heridas" como se algunha vez tiveran cicatrizado, como se non estiveran infectadas de dor e silencio. Trátase dunha homenaxe cada vez máis necesaria neste país (ou conxunto de países, porque os mapas electorais son grandes exemplos, así, dun vistazo, de que a suposta nación coñecida como España non é máis que un ‘patchwork’ elaborado a maior gloria dos Reis Católicos e os seus sucesores).

As urnas falaron o pasado domingo ou, máis ben, vomitaron un resultado que non contenta a case ninguén. Non debería contentar aos socialistas, aos que alguén lles debeu facer crer que unha repetición electoral lles ía servir para mellorar os seus resultados (coitados, se en abril xa levaran voto prestado e, como di o refrán, unha para ver e outra para aprender) cando está visto que o bipartidismo e as maiorías absolutas son cousa do pasado. Non debería contentar aos populares, porque por moito que medraran en votos e escaños (xa pasou a borrasca, Pablo, que ben fixeches en non dimitir o 29 de abril, eh) seguen sen poder achegarse á Moncloa máis que con invitación.

E non poden porque nin sequera lles darían as contas sumando con Ciudadanos (vai pola sombra, Albert) e con VOX, ese gran invento para que os fachas de toda a vida quitasen a carauta sen vergoña, esa pobre xentiña constreñida no traxe pepeiro, ao que lle rebentan as costuras por todos os lados. Grazas, Abascal, por facer que, como na mítica serie V, máis de 3,6 millóns de españois ("muy españoles") revelaran a súa verdadeira face reptiliana.

Foi a terceira forza máis votada, con 3.640.063 apoios en España, 114.834 en Galicia, 37.610 na provincia de Pontevedra e 3.713 no municipio capitalino. En concellos como Barro, Portas, Caldas ou Cuntis estivo a piques de superar ao BNG e fíxoo, sen rubor, noutros como Marín, A Lama, Ponte Caldesa, Campo Lameiro ou Poio.

Isto tradúcese en que, nestas localidades, toda esta xente non considera necesario que Galicia teña voz en Madrid, pero si lles parece ben derogar leis contra a violencia machista, privatizar as pensións e a sanidade, negar o cambio climático (un saúdo, murcianos) eliminar as autonomías ("¡y el gallego!"), ilegalizar partidos políticos, pechar medios de comunicación, erguer muros en Ceuta e Melilla, recuperar o servizo militar obrigatorio "y volver a encerrar a los homosexuales en los armarios y a las mujeres en las cocinas", como ben apunta @pabloememe no Facebook para escarnio dos voxeros, que o acusan de "incitar al odio". Eles, que diso saben moito.

Comentarios