Blog | Non tes tu fe

No lombo das mesmas

Silvia ten 40 anos e lembra que o seu primeiro gasto importante, ela que levaba poucos anos cun salario decente e aínda non vendera a súa alma a unha hipoteca, foran os catro mil e pico euros que pagara nunha clínica dental. Nada doutro mundo. Un par de implantes, algún arranxiño menor… Afortunadamente tivo sorte e ese negocio non crebou a metade de tratamento deixándoa colgada e cos petos baleiros como a tantas outras persoas. Tempo despois pensou, ademais, que menos mal que se animara un ano antes de quedar embarazada, pois desde que é nai só afrouxa o peto alegremente no odontopediatra.

sucede cucadavidfreire otoño Ela ben entende a importancia dun empaste nunha moa de leite (pero muller, se total lle vai caer… Tamén lle vai quedar pequena esa roupa na que gastaches 50 euros pero que?). Sabe que debería volver porque esas moas do xuízo estanse a facer notar, pero bueno, mentres non causen dor… 

Estela cumpriu 60 anos e acaba de gastar 800 euros nuns novos lentes. Son os enésimos desde que na súa lonxana infancia un oculista ditou que lle facían falta. No seu traballo a vista é un sentido fundamental e aínda lle quedan uns aniños para xubilarse. Afortunadamente, pensa, aínda pode permitirse ese gasto. É saúde. Non hai lugar para a dúbida. 

Araceli non chega aos 30, pero precisa ir ao fisioterapeuta varias veces ao mes por culpa dunha dor de lombo crónica. Nos médicos non lle dan moita solución e esas sesións no ‘fisio’ son o que realmente lle garantiza sentirse ben durante uns cantos días, depende tamén do tempo que faga, pois ás veces parece unha desas vellas que adiviñan un cambio do tempo a través dos seus xeonllos. Pero agora que acaba de quedar no paro non lle vai quedar máis remedio que deixar esas visitas ás ocasións máis desesperadas. 

O fisioterapeuta, a odontóloga, a nutricionista... pola privada

Xosefa soprou non hai moito as 51 candeas dunha torta adaptada a unha das múltiples dietas que leva facendo desde a súa adolescencia. Con ningunha acaba de ter resultados definitivos e por iso, máis vale tarde ca nunca, se decidiu ir á endocrina. Ou á nutricionista. De pago. No seu centro de saúde non consideran remitila a un especialista para facerlle fronte aos quilos de máis (que coma menos, que se mova) e xa bo é que lle fan as analíticas da tiroides, esa glándula traidora que fai tolear o seu metabolismo e lle multiplica o cansazo. 

Silvia, Estela, Araceli e Xosefa escoitaron o outro día na radio que o Goberno estaba negociando unha reforma fiscal que plantexaba un IVA do 21% para toda a sanidade e a educación privadas. 

Pois mira, pensaron nun primeiro momento, que paguen os que máis teñen. Porque os que escollen a educación privada será porque queren e porque poden, non coma os da concertada, que queren, pero que non o pagan porque xa apoquinamos entre todas, a estas alturas da película. Es os que escollen a sanidade privada... Nese momento non só se acordaron das famosas que van parir (ou máis ben a someterse a unha cesárea) ás clínicas con suites a todo confort, senón tamén da xente da pé que moitas veces, desesperada, non pode agardar máis por unha operación na pública. 

Acordáronse tamén de que o seu endocrino, a súa odontóloga ou o seu fisio son profesionais da saúde privada, igual que o psicólogo, esas especialidades tan escasas na sanidade pública, por non dicir desaparecidas. Profesionais que se verían obrigados a axustar moito as tarifas ou perder pacientes. Así que a subida do IVE parecía boa idea, ata que se decataron de que repercutiría, unha vez máis, no lombo das mesmas.

Comentarios