Blog | Non tes tu fe

Non é país para crianzas

Javi Concentracion en el Marcos da Portela para pedir sustitucion pediatra Monte Porreiro
photo_camera Concentración celebrada en Monte Porreiro na que nenos e maiores demandaron que se cubra a praza de Pediatría. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

ERGUÉMONOS ESTE luns de resaca. Aínda que sexa simplemente por traballar a deshoras e contra o reloxio na noite electoral. Por non dar durmido, ben avanzada a madrugada, vítimas da adrenalina que provocan a emoción, a intriga e a tecla F5 pulsada de xeito compulsivo para actualizar resultados. Por espertar cun taladro martilleando no piso de arriba a golpe de luns ben cediño, nada que envexar ao barullo das obras das beiarrúas entre Benito Corbal e Lepanto. Parece que xa queda menos para que esta rúa deixe de dar vergoña allea.

Resaca por enfrontarse a unha actualidade na que se multiplican as cifras e as estatísticas imposibles de abarcar, do concello máis pequeno á capital máis cosmopaleta (perdón, cosmopolita), as declaracións e as valoracións, os choros medio ás agachadas e os enormes sorrisos de dentaduras ben branqueadas a cinco columnas, os piques e os agradecementos e na que a longa sombra de pactos e acordos en tantos municipios -empezando, posiblemente, pola aldea gala de Lores- promete emoción nas vindeiras semanas. Preparen flocos de millo.

Falan do descenso de natalidade cando faltan pediatras e escolas

É complicado facer unha análise de alto nivel político despois das páxinas que me precederon estes días. Non é preciso. O tren postelectoral continúa o seu camiño e o futuro -cercano- dirá como queda a configuración das corporacións municipais -e a provincial- que rexirán os nosos destinos durante os vindeiros catro anos.

Unha viaxe que entra na recta final para outro ferrocarril, o que ten a súa estación en San Caetano co maquinista Feijóo á cabeza. Alí é onde se deciden outros asuntos, como a nosa indispensable sanidade pública.

Ducias de persoas, moitas delas crianzas, visibilizaron o pasado venres en Monte Porreiro o enfado da poboación pola ausencia do servicio de Pediatría no ambulatorio do barrio, cuxo titular, que tamén presta servizo no centro médico de Barro, rematou a súa vida laboral. Nenos e nenas, non enfermedes. Nin os de Barro nin o case medio milleiro de cativos desta área pontevedresa. Alomenos de momento, porque Sanidade está traballando arreo para garantizar o mantemento da praza. De momento, di, encargaranse de atender aos menores os médicos de familia de ámbolos dous consultorios, que sumarán a cativada aos 1.500 e 1.800 pacientes que teñen nos seus respectivos cupos. Esta solución, entendo que urxente e provisional, non dá resposta ás necesidades dunha parte da poboación, que merece unha atención específica. Porque por moi ben preparados que estean os doutores, por moitos anos de experiencia que teñan, non é o mesmo diagnosticar un exantema a un bebé que unha hipertensión a unha señora maior. Por non falar de cousas peores.

Alega a Consellería que non hai pediatras no paro. Quizais. Sería por iso que no Virxe Peregrina pasaron meses, quizais máis dun ano, para que se cubrira unha praza trala xubilación da súa titular. Sería por iso que en Cuntis, Bueu e Moraña se recuperou o servizo despois da mobilización veciñal.

Non sei que é peor, que non haxa especialistas para atender á poboación máis vulnerable, ou que non os haxa porque emigraron a outros países, onde as súas condicións laborais son infinitamente mellores que as que lle ofrece o país onde se formaron, co correspondente gasto para as arcas públicas. Nós pagamos, outros benefícianse do resultado.

Falan despois do descenso da natalidade e do reeequilibrio territorial cando a dotación de servizos como Pediatría e escolas infantís son clave para manter a poboación, sobre todo no rural.

Comentarios