Blog | Non tes tu fe

A nosa capa de invisibilidade

Irene Montero, xurando o seu cargo de ministra de Igualdad na Zarzuela. EMILIO NARANJO (EFE)
photo_camera Irene Montero, xurando o seu cargo de ministra de Igualdad na Zarzuela. EMILIO NARANJO (EFE)

QUE SEICA di a Real Academia Española (RAE) que non podemos dicir Consejo de Ministras, pero que a decisión final é dos falantes. Grazas, señoros da RAE, por darnos opción. A pregunta xurdiu onte a propósito da toma de posesión do novo equipo que liderará, para ben ou para mal, o devir deste país (de España) nos vindeiros catro anos, a menos que algúns (e algunhas) con moi mala baba consigan iso que pretenden e que tan pouco ten que ver coa desexada estabilidade dunha nación que xa leva moitos meses en stand by.

Para o caso que nos ocupa, resulta que varios integrantes do novo bipartito PSOE-Unidas Podemos prometeron o seu cargo ministerial con fórmulas que aludían explicitamente ao xénero feminino, falando de Consejo de Ministras y Ministros, mentres que Irene Montero (Igualdad) e Yolanda Díaz (Trabajo) referíronse directamente ao de ministras.

É hora de rebelarse contra normas que están para ser cambiadas

E di a RAE que está mal dito. Por que? Porque a gramática que esta vetusta institución garda baixo sete chaves non acepta moitas das acepcións que están na rúa, na boca de moita xente (pero si nos deixa dicir cousas como palabro, almóndiga, asín ou toballa sen que metamos a zoca).

Pero que a decisión final é dos falantes, concretamente dos 480 millóns de falantes de español.

Está máis que comprobado que o que non se nomea non existe e á invisibilización que as mulleres levamos sufrindo dende tempos inmemoriais nunha sociedade absolutamente androcéntrica e patriarcal, súmase a ditadura da linguaxe. Refírome a esa estupenda capa de invisibilidade que estaría moi ben para roubar un banco ou para facer un seguimento a un grupo do crime organizado, pero non para existir. (Hai 30 anos diría que a precisaba para coñecer con antelación as preguntas dun exame, cando todo era chapar, ou para achegarme ao rapaz que me gustaba sen que se decatara. Confeso que sempre fun moi fan de Lotte, a cativa danesa que se volvía invisible cando tocaba o embigo, lembrades?).

Porque as mulleres existimos á sombra dunha linguaxe que, alomenos en castelán, se nega a evolucionar (porque, permitídeme, aceptar almóndiga non me parece unha grande evolución).

Que si, que semella redundante dicir ministros y ministras, pero tamén resulta ridículo e mesmo insultante que se hai 20 mulleres e un home nos teñamos que referir ao conxunto co masculino disque xenérico porque así o din as sagradas escrituras da RAE. Moi mal o paso ás veces para redactar, ás veces ata simples pés de foto, que non semellan tan doados por facerlle caso a esta xente.

Porque, aínda que sexa por pouco (50,9%) as mulleres seguimos sendo maioría en España, todo o contrario que na RAE, onde eles ocupan o 82,6% das cadeiras, por non dicir que a primeira académica en ingresar nesta institución, trescentos anos despois da súa fundación, foi Carmen Conde, en 1978. Claro que o xénero das integrantes da RAE tampouco é garantía de cambio ou avances, se son todas como esa profesora xubilada que medio se fixo viral hai uns días cunha aburrida lección digna das mellores aulas de hai 30 anos na que explicaba porque está mal dicir presidenta. É o mesmo caso gramatical que si permite dicir sirvienta ou asistenta, pero neste caso ninguén desenfunda o boli vermello.

Así que nun tempo no que a presenza feminina é cada vez maior na esfera pública, vén sendo hora de rebelarse contra normas que están para ser cambiadas. Ou podemos volver á Idade Media e que todas sexamos a minha senhor das cantigas de amigo.

Comentarios