Blog | Non tes tu fe

O campo de Oliver e Benji

Noguera saúda ao ceo tras chegar á meta na proba de longa distancia do Mundial de Tríatlon, o pasado 4 de maio en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Noguera saúda ao ceo tras chegar á meta na proba de longa distancia do Mundial de Tríatlon, o pasado 4 de maio en Pontevedra. RAFA FARIÑA

UNHA DAS cousas que máis me gustou descubrir a propósito do Mundial de Tríatlon que se celebrou en Pontevedra hai un par de semanas foi a aposta pola igualdade entre mulleres e homes. Penso que debe ser unha das poucas disciplinas (se é que hai algunha máis) na que deportistas de ambos xéneros compiten en igualdade de condicións. Os mesmos tempos, os mesmos percorridos, as mesmas distancias e, ollo, tamén os mesmos premios. Mesmo a porcentaxe de xuízas se sitúa preto do 50%.

Unha organización tal que permite que, aínda que o gañador da proba sexa un varón, a primeira das mulleres en cruzar a liña de chegada o faga moito antes que ducias de homes que corrían, nadaban e pedaleaban ao mesmo tempo e polo mesmo trazado. Igualdade.

Nadal ten nai e irmá e por iso é un exemplo da loita pola igualdade

Canto que aprender noutras disciplinas. Dise que o deporte é bo para a saúde, para a física e para a mental, pero ás veces semella que ese brillo se enlama cando se meten outras cuestións, cando se profesionaliza atendendo a segundo que intereses ou cando segue primando a concepción patriarcal da sociedade por riba doutros valores como o esforzo, a perseverancia, a superación, o respecto, a deportividade, a solidariedade, o compañeirismo, o éxito colectivo e, tamén, a igualdade.

Penso nisto despois de escoitar as últimas declaracións de Rafa Nadal, esas nas que lle volveu quitar importancia á fenda salarial, no seu caso no tenis ("pues no sé en qué se basa") e nas que volveu recorrer a ese argumento tan razoable dos beneficios xerados e tal. Segundo el, comparar o que gañan homes é mulleres "ni siquiera debería hacerse".

Claro, seica elas mobilizan menos audiencia, menos público. Por iso, ademais de cobrar menos, é imprescindible que xoguen cunha indumentaria que tamén lles serviría para portar bandexas con batidos de coco sobre uns patíns en liña. Nada de traxes posparto como o que pretendía utilizar Serena Williams no Roland Garros de 2018, prohibido pola Federación Francesa de Tenis (non se lle vía nada?) e que meses despois acabou sendo legalizado (legalizado!) pola WTA.

O de Manacor acabou de rematar a súa iluminada intervención con outro intelixentísimo argumento: "Evidentemente tengo madre, tengo hermana, y son de las personas que más quiero en este mundo, o sea que qué más quiero yo que los hombres y las mujeres seamos exactamente igual y tengamos los mismos derechos". Pois menos mal, home, menos mal. Pero, sabes como poderías convencernos mellor de que a igualdade é o teu obxectivo? Poderías facer como Ada Hegerberg, a actual Balón de Ouro, que renunciou a xogar o Mundial de Francia con Noruega por discriminación. Considerada a mellor futbolista do mundo, xa anunciara hai dous anos que non acudiría á gran cita do fútbol feminino deste verán se non se equiparaban as condicións coa selección masculina do seu país. A federación estaba avisada. Ada non só falaba de cartos, senón de infraestruturas, planificación, aloxamentos nas concentracións... Porque as dúas seleccións non comparten o mesmo hotel de cinco estrelas. Porque elas sempre o teñen moito peor. "O fútbol é o deporte máis importante de Noruega para as rapazas e foino durante anos, pero elas non teñen as mesmas oportunidades que os rapaces", escribiu esta ídola de 23 anos.

Así queda moito por lograr, por chegar a esa meta, case tanto que esta loita parece o campo interminable de Oliver e Benji.

Por certo, para cando un partido entre Serena e Rafa?

Comentarios