Blog | Non tes tu fe

O frautista de Hamelin

Un colector de lixo este verán en Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un colector de lixo este verán en Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

HAI COUSA duns meses, concretamente nunha mañá solleira de sábado en plena primavera, tocoume botar un par de horas en penumbra escoitando a un gurú do lixo. ‘Gajes del oficio’, hai cousas peores. Ben, tampouco quixera describilo así. Viña sendo un señor de Oviedo, concelleiro do PP, chamado Joe Pando -case como un secundario do CSI Miami- que tiña a pócima máxica para acabar cos problemas que provocan os colectores e os seus malos cheiros na cidade.

O modelo ovetense era unha da bazas da proposta electoral de Rafa Domínguez para as municipais. Quen sabe se esta súper idea influíu na mellora dos resultados do seu partido o 26M. Basicamente tratábase de suprimir todos os colectores sementados polas rúas da cidade e substituílos por un servizo de recollida porta a porta. Deste xeito, deberían separarse os residuos en cada fogar e despois depositalos nos caldeiros colectivos de cada comunidade de veciños, que só poderían sacarse á rúa na marxe de hora e media na que pasaría o camión.

O certo é que a idea non me creou demasiado entusiasmo, pero tiven que darlle a razón cando o señor Pando, como calquera turista que chega a Pontevedra, destacou, horrorizado, o impacto que lle provocou a imaxe dos colectores a rebentar de lixo por dentro e por fóra situados ao carón do Teatro Principal. Díxoo cun "mohín de desagrado", segundo relatara esta que subscribe. E, admítoo, se tiña a razón había que darlla.

Quen nos ía dicir que uns meses despois ese enclave se ía converter na zona cero da crise do colector no verán máis turístico que se lembra na Boa Vila.

Practicamente todo está dito sobre o problema. Á beira dun edificio tan emblemático como o Principal. Na Verdura. En Curros Enríquez... Os colectores convertéronse nos invitados incómodos nun casco histórico cheo de terrazas e visitantes ávidos de respirar ese aire puro que lles prometen nas informacións turísticas que os atraen como o frautista de Hamelin á cidade (supostamente) sen coches. Non respiren moi fondo, por se acaso.

Está claro que a xestión do lixo está fallando na Boa Vila

Camións do lixo que pasan a baleirar colectores deixando un aroma e un regueiro de líquido apestosos a carón das mesas exteriores de calquera restaurante á hora de comer. Colectores que botan por fóra porque, vaia, na zona vella non hai recollida selectiva e a ver quen é o guapo -que os haberá, afortunadamente- que vai coas bolsas dos plásticos e do papel a un sitio específico unhas cantas rúas máis lonxe. O máis habitual será que cisquen todo polo mesmo oco, enchendo os colectores do orgánico con calquera tipo de residuos e facendo que, ao final, quede todo tirado por fóra, facendo as delicias de gaivotas e demais bechos, incluíndo, seica, as famosas ratas.

Alomenos, unha raiola de esperanza: o Goberno local deixou de mirar para outro lado despois de que tanto os hostaleiros como os comerciantes e non poucos cidadáns anónimos insistisen no problema de suciedade e a mala imaxe. Será cousa do verán? Da calor? Da elevada afluencia de visitantes? Dos restaurantes do casco vello a rebentar a mediodía e á noite cada día de agosto? Será de que a concesionaria que presta o servizo leva vinte anos coa mesma cifra de efectivos mentres a cidade medra e o número de colectores se multiplica? Será que a tan controvertida (para algúns) compostaxe non acaba de estenderse a toda a urbe? Aquí si que nos facía falta un frautista de Hamelin, a menos que algunha desas supostas intrusas non desexadas sexa como a protagonista de Ratatouille e nos saiba preparar unha ración de polbo con pementos de Padrón.

Comentarios