Martes. 21.05.2019 |
El tiempo
Martes. 21.05.2019
El tiempo

O meu boli rosa

TEÑO UN boli rosa. Non só iso, senón que vai adornado cunhas lenes plumiñas da mesma cor e remata cun pequeno resorte coroado por unha figuriña de Hello Kitty. É unha das cousiñas máis bonitiñas do meu bote dos lapis do choio, sobre todo porque mo regalou, no seu día, a miña amiga Luisa. Non sei se me vexo a min mesma comprándoo para a oficina. Ben, igual si, porque agora que me decato no peto do abrigo acabo de descubrir outro boli máis, digamos, normal. Pero tamén rosa. Así que teño dous bolígrafos rosas, aínda que un escriba en negro e outro en azul.

Vénme á cabeza que igual se escribira as noticias, reportaxes ou entrevistas con eles me sairían traballos de mellor calidade. Quen sabe. Nunca probei. Penseino agora, case sen querer, ao ver o anuncio dunha estupendísima calculadora que unha prestixiosa marca xaponesa de electrónica acaba de sacar á venda. Porque resulta que este aparello foi fabricado nesta cor para "que las mujeres trabajadoras tengan una mejor experiencia al usar calculadoras que se adapten perfectamente a sus entornos de trabajo a través de un diseño óptimo de usabilidad y diseños vanguardistas".

Así, con estas palabras, se despachou a empresa na rede social. "Mujeres, Casio las seguirá apoyando a ustedes para que día a día brillen aún más en sus trabajos". Ri ti de La Vecina Rubia. En fin. Ano 2019. A publicación foi compartida na conta internacional de Facebook da marca o pasado 29 de xaneiro e colleitou máis de 5.000 reaccións negativas na súa versión en castelán, segundo conta o portal Verne. Mesmo a división española da marca tivo que sacar a patiña en Twitter, coas fazulas ben arroibadiñas, para "lamentar" a dita publicidade e unirse "a su desaprobación". Estes xefes...

É máis, a firma (en España) lembra as iniciativas relacionadas coa educación en igualdade nas que disque leva anos traballando e anuncia que "en breve" verá a luz un proxecto para visibilizar a mulleres científicas.

Quen sabe se Margarita Salas, Begoña Vila ou Alicia Estévez terán agochadas nos seus caixóns unhas destas calculadoras rosas. Ou igual sempre usaron a típica negra de toda a vida, como aquela que me trouxeron os Reis cando estaba na escola e que me desapareceu misteriosamente do estoxo durante un recreo en cuarto de EXB. Daquela non lle chamabamos ‘bullying’, eran cousas que pasaban. Tampouco había calculadoras rosas para mulleres que querían brillar no choio.

Mentres en España botaban as mans á cabeza, os xaponeses aínda tardaron dous ou tres días en reaccionar e borrar a publicación. Durante este tempo no que se cubriron de gloria non deixaron de sucederse respostas de internautas. As miñas favoritas, as que ironizan con que se o aparello trae un botón que permita calcular directamente a brecha salarial no lugar de traballo. Moitas outras tiran de retranca sentíndose "emocionadas" despois de "todos estos años esperando" porque agora "podremos hacer grandes cosas en la vida" ou agradecendo o invento porque "no sabes lo que me costó sacarme una ingeniería con una calculadora diseñada especialmente para hombres; lo único que conseguía de ella es que me hablase de fútbol y eructase de vez en cuando...".

Se xa me parece absurda a dichosa dicotomía entre o azul e o rosa cando se trata de crianzas, que dicir se cando as destinatarias do produto son mulleres feitas e dereitas. Peor aínda, non tería mal ningún se venderan calculadoras rosas como quen vende bolis rosas ou portátiles rosas, verdes ou de cor amarela limón. Pero que non digan que son para elas. Houbo un tempo no que poñiamos babeiros rosas e laciños e estabamos detrás dun valado rillando anémonas e peonías, con coidado de non mancharnos nin mancarnos. Pero ese tempo xa pasou, señores de Casio. Agora preferimos roupa máis cómoda e unhas botas de caucho para brincar nas pozas. E non teñen que ser rosas.

O meu boli rosa
Comentarios