Blog | Non tes tu fe

O xogo de pisar cabezas

Torre humana na inauguración do parque de Campolongo. RAFA FARIÑA - PortadaDICÍA HAI pouco a compañeira Sara Vila que en Pontevedra somos urbanistas, porque vivir na Boa Vila fainos un chisco expertos en organización urbana. Non podo estar máis de acordo con ela, xa o sabe. Así é que imos por outras cidades e botamos en falta máis rúas peonís e beirarrúas máis anchas, pensamos o ben que quedaría un lombo en segundo que sitio e o xeito que faría un aparcadoiro disuasorio e de balde a uns cinco minutos do centro.

A ordenación urbana de Pontevedra está moi ben. Aínda que, coa boca pequena, penso que nunca cheguei a escoitar os famosos paxariños de Lores piando alegremente pola Michelena. Seguramente porque o movemento de carga e descarga durante toda a mañá e boa parte da tarde desloce lixeiramente o suposto carácter desa rúa que é peonil só a medias. Ou será porque a biodiversidade vai a pique neste noso planeta.

Quen nos verá cando Benito Corbal e Lepanto (Lepanto!) estean humanizadas despois de tantos anos vendo pasar a reforma urbana por diante da casa dos veciños. Ou cando a ponte do Burgo luza como merece un monumento da súa talla. Non será sen tempo.

Pero se hai algo do que tamén me decato cando vou a outras cidades -mesmo vilas de menor tamaño- é que en Pontevedra non podemos presumir, precisamente, de parques infantís.

Non todo vai ser marabilloso á beira do Lérez e seguramente nin a ONU nin o señor Bloomberg teñan un ranking de cidades coas mellores instalacións para a cativada ao que nos poidamos presentar.

Hai unha semanas inaugurábase o renovadísimo parque infantil de Campolongo, a auténtica xoia da coroa, pola que levabamos esperando as familias desde había meses. A expectación era máxima, pois, (ollo!) ía ter uns deses tobogáns con curvas de estilo túnel, o non vai máis neste tipo de instalacións.

Chegou o día e, efectivamente, alí os estaban, pero o problema era dar chegado a subir. Ese día e todos os da semana seguinte, pois a afluencia era máxima e non só iso, senón que a ausencia dunhas escaleiras ou dunha parede para agatuñar, obrigaba á cativada a subir só polas cordas, pisando cabezas. Ideal para que as crianzas desfoguen.

Non me estenderei dicindo que quizais as randeeiras tamén quedaron escasas, ou do coidado que hai que ter co retroceso da tirolina, por non falar dese pequeno cadrado elástico para que brinquen os cativiños que non chega a nada, pois non son técnica.

Pero si é evidente que se este parque é o mellor que temos na cidade e coma el e moito mellores os hai noutras localidades, igual é un asunto a ter en conta. Cada vez que o alcalde ou algún concelleiro se reúne cun grupo de crianzas (nas visitas ao Concello onde gardan uns segundos de silencio para escoitar os paxariños, no Consello dos Camiños Escolares ou, como a semana pasada, na presentación dun libro infantil en Barcelos) o tema sae a relucir e non é estraño, precisamente.

A cativada está moi contenta coa cidade. Con xogar á pelota polas rúas e prazas sen coches que a poñan en perigo, con poder ir á escola a pé e con seguridade, pero, aínda así, que demo, quere máis parques infantís. E máis grandes e con máis xogos. Porque o de Barcelos está moi ben, pero queda escaso. O de Campolongo está xenial, pero non se cabe. O de Médico Ballina... Ai, que en Médico Ballina non teñen. Por Mollavao xa me da medo preguntar.

Máis parques infantís e que os que hai conten coas tarefas de mantemento necesarias, tanto por cuestións de estética como, sobre todo, de seguridade. Que non haxa randeeiras rotas esperando semanas polo asento, ou bambáns encadeados sen poder ser utilizados. É certo que aos rapaces lles gusta o xogo libre e que a cidade enteira está á súa disposición, seica, pero despois queixámonos se andan a brincar polo mobiliario urbano ou se gabean polas árbores da Ferrería.

Por iso estas coloridas instalacións teñen a súa razón de ser. E que bonito sería ter unha cunha gran cuberta que protexa do intenso sol ou da chuvia. E outros con eses mesmos tobogáns para que non haxa que peregrinar todos ao mesmo. Non por nada, o turismo de parques infantís existe.

Comentarios