Blog | Non tes tu fe

Oda á Señora de Palmírez

Estudantes participando no Correlingua en maio de 2019. GONZALO GARCÍA
photo_camera Estudantes participando no Correlingua en maio de 2019. GONZALO GARCÍA

CASTRAPO ES el nombre que se le da en Galicia (España) a una variante popular del castellano hablada en dicha comunidad autónoma, caracterizada por el uso de sintaxis, vocabulario y de expresiones tomadas del idioma gallego que no existen en castellano. Se considera socialmente vulgar. Es frecuente en las aldeas y pueblos gallegos". Esta é a definición da palabra castrapo, segundo a Wikipedia, a gran fonte de sabiduría en español ante a ausencia deste concepto no sacrosanto dicionario da RAE, e ben se ve que bebe da descrición da RAG ("variante do idioma castelán falado en Galicia, caracterizada pola abundancia de palabras e expresións tomadas do idioma galego").

Así que despois de 40 anos veño a descubrir que eu non falo castrapo? Que dicir ghuevo en vez de ovo non é castrapo? Ou sailo en lugar de saio? Ou que salpicar unha conversa en galego cos días da semana en castelán tampouco é o que eu pensaba?

Quen non rexeitou un pan reseso pensando que falaba castelán?

Mentres acabo de dixerir esta revelación penso no disgusto que ían levar algunhas (e algúns) que falan castrapo pero non o saben, convencidas todas de que pronuncian un perfecto castelán de Castela co que poderán chegar sen causar ningún tipo de sospeita ata a mesmísima Puerta del Sol (e sen sotaque, por suposto). Ademais, neste caso, a Wikipedia non as ía poñer en alerta, pois vaia risa o de que sexa máis frecuente nas aldeas. A min, a verdade, sóame máis a María Pita, a Urzáiz ou á Herrería.

É o caso dese usuario de Twitter que escribiu unha lista de "palabras y expresiones gallegas que son la hostia y sin las que no podría vivir" e que se fixo viral. Algo así como: malo será, bueno carallo, éche o que hai, ser un toxo, coger en el colo, fuchicar, pan reseso... E non sigo porque aínda se me vai aparecer en soños a mesmísima Señora de Palmírez (un saúdo, María Campos). Puro anuncio de Gadis, amigas.

Son todas esas palabras e expresións que lles chirrían a oídos ben adestrados en pleno discurso supostamente castelán, pero que na maioría das ocasións pasan desapercibidas. Que tire a primeira pedra quen nunca dixo "ponle el tiesto a la pota" sen referirse a unha maceta e un calamar (perdón, un vaso, que en galego maceta é outra cousa) ou rexeitou un pan reseso pensando que falaba na lingua de Cervantes. Quen non "cogió en el colo" a un meniño aínda que "no le diera mucho xeito"?

Igual que lle pasou aquela vez a unhas asistentes a un monólogo de Carlos Blanco na Cultural de Mourente, que escachaban a rir sen decatarse (ou si) de que as brincadeiras tiñan como protagonistas a presuntas castelanfalantes coma elas, que "tienen mucho choyo" (non confundir con chollo" e non saben se poderán ir acabándoo "a los pocos". O de saber usar os tempos compostos (lembrade, en galego non existen) xa é para nota. Non confundir coa forma ter+participio, "no te lo tengo dicho?". Non, en castelán non existe. Ou queredes que vos miren raro máis aló do Padornelo?

Pero se hai algo peor que maltratar o idioma (dá igual cal deles sexa, porque o de María Moliner tamén merece un respecto) é utilizar estas "palabras y expresiones sin las que no podría vivir" para reducir a nosa lingua a unha anécdota, unha caricatura, un chispún, un "ay que riquiño". Por iso me fixo tanta graza o contraataque de @TradutorGalego coa súa lista de "frases castelás que todos deberiades coñecer", tales como: ter moito fuciño, no quinto piñeiro, manda ovos, ser un correvaiedille ou tea mariñeira. Como podiamos vivir sen elas?

Comentarios