Blog | Non tes tu fe

Outro modelo é posible

Unha sala dos cines Avenida, en Caldas de Reis, en 2015. ALBA SOTELO
photo_camera Unha sala dos cines Avenida, en Caldas de Reis, en 2015. ALBA SOTELO

A PASADA fin de semana, por fin, conseguín ver a película Downton Abbey en versión orixinal subtitulada en español. Como fiel seguidora da magnífica serie británica ideada por Julian Fellowes, negábame rotundamente a ver este prometedor epílogo cunhas voces que non eran as súas. Que si, que en España haberá moi bos dobradores, pero onde estea a VOSE (ou a VOSG, que demo), que se quite o demais. Conseguín vela nos cines Compostela, en Santiago, tres semanas despois da súa estrea. Porque en Pontevedra, por moito que ofreceran este filme (e durara quince días en pantalla) a opción da VOSE nin está nin se espera. Nin sequera en Vigo! Nin nos mesmísimos Multicines Norte, para os que esta película sería quizais demasiado comercial.

En Santiago tamén a poñen nas multisalas das Cancelas, pero a opción da VOSE limitouse a un só domingo pola mañá. Difícil.

Así que tocou vela nos Compostela. É ese un multicine que case podería considerase unha máquina do tempo. Porque está igual que hai 25 anos, alomenos na apariencia do veludo vermello e as butacas ao mesmo nivel (iso non mola tanto). Alí vin, na exigua sala 1, pequenas xoias como Traffic, nos anos universitarios, ou Once, un tempo despois.

Pese a ter pechado e reaberto nun par de ocasións, coa mesma ou con distinta xerencia, os Compostela seguen sendo esa opción intermedia entre o blockbuster palomiteiro (floqueiro de millo?) das Cancelas e as proxeccións máis alternativas do Numax. Porque hai xente para todo.

Unha opción na que esta semana se poden ver filmes como o novo de Woody Allen (pero en VOSE nalgún horario, non coma outros): a holandesa La directora de orquesta (tamén en VOSE) ou a española Diecisiete, de Sánchez Arévalo, antes de que este venres pase a emitirse en Netflix. Na carteleira compostelana tamén hai sitio para dous dramas asiáticos, a chinesa Hasta siempre, hijo mío e a hindú Señor, por non falar do filme pakistaní de animación El rey burro. E aínda queda oferta por contar. E con entradas a 6,10 euros un sábado pola noite.

Non moi lonxe está o Numax. Unha cooperativa posta en marcha hai ben poucos anos que suma ao cine unha librería e un laboratorio de vídeo e que liga a tradición dos cinemas de arte e ensaio coas estreas máis recentes, pero non a calquera prezo e sempre en versión orixinal (subtitulada). Así, pode proxectar as novas de Woody Allen ou Brad Pitt, pero tamén pequenas xoias que non terán cabida noutras salas centradas noutro tipo de público. Esta pasada fin de semana encheu varias sesións ao día coa proxección de O que arde, esa marabilla de Oliver Laxe que xa vai polos 11.000 espectadores.

Quen dixo que non había público máis aló das rimbombantes estreas de Hollywood e similares? Claro que o hai. E calquera destes dous exemplos podería facerse realidade en Pontevedra, unha cidade na que aínda nos acordamos do Gónviz, do Victoria e mesmo dos ABC e onde temos que conformarnos co que teñan a ben elixir os señores de Cinexpo ou irnos fóra da axenda de estreas coas proxeccións do Cineclub ou da Vicerreitoría, que benvidas sexan, pero non ocupan ese buraco negro polo que escorregan tantas películas polas que temos que facer turismo ou agardar fronte á pantalla pequena (no mellor dos casos).

Dicíao Miguel Anxo Fernández no coloquio da semana pasada en Ciencias Sociais: Numax é un modelo exportable a cidades como a nosa ou a vilas de certo tamaño que queren fuxir dos grandes circuítos da exhibición. Outro modelo é posible. Só hai que atreverse.

Comentarios