Martes. 21.05.2019 |
El tiempo
Martes. 21.05.2019
El tiempo

Prioridades

Unha cativa deixa unha mensaxe de recordo no Día Mundial en lembranza das vítimas de violencia viaria de 2017. RAFA FARIÑA
Unha cativa deixa unha mensaxe de recordo no Día Mundial en lembranza das vítimas de violencia viaria de 2017. RAFA FARIÑA

LUNES 3 DE noviembre de 2014. Un día tan único y excepcional como todos. Un día más. Esa tarde llueve, tras semanas de no hacerlo. Y en un punto de la M-618 entre Torrelodones y Hoyo de Manzanares, Madrid, en la curva de siempre al decir de vecinos y usuarios, tiene lugar un accidente. Uno más".

Así empeza a historia de Gabriel el Vikingo. Quizais a coñezan, pero non está de máis lembrala, precisamente cando se acaba de celebrar o Día Mundial en recordo das vítimas da violencia viaria. Di Jeanne Picard, presidenta de Stop Accidentes Galicia, que os mal chamados accidentes de tráfico ("porque si se pueden evitar no son accidentes") matan cada día a 3.000 persoas, 500 delas crianzas, en todo o mundo. A pandemia é máis grave nos países en vías de desenvolvemento, pero por aquí tamén nos queda moito por aprender.

Porque na nosa man está ser prudentes ao volante, pero todas estas precaucións son poucas se, ademais, levamos algún pasaxeiro que non supera o metro e medio.

Agora parécennos mentira aquelas estampas de non hai tantos anos, cando viaxabamos catro ou cinco críos no asento traseiro dun automóbil, algún con cinto de seguridade no mellor dos casos. Unha imaxe que segue sendo do máis habitual en numerosos países do mundo e, por desgraza, máis preto do que pensamos.

O único xeito de que as crianzas vaian seguras en coche é ACM
 

A obrigatoriedade de utilizar un SRI (Sistema de Retención Infantil), máis coñecido como a silliña, foi unha medida fundamental para reducir as sinistras cifras de mortes infantís sobre o asfalto. Aínda así, parece mentira, queda moito por facer. Máis de 90 nenos menores de doce anos faleceron en accidentes de tráfico en España na última década, polo que de cando en vez a DGT impulsa campañas como Ningún niño sin sillita. E quizais moitos deles, paradoxicamente, viaxaban cumprindo a normativa. Porque aquí é onde cómpre tirar de dicionario e distinguir entre varios conceptos: legal, homologado, seguro.

Volvamos a Gabriel el Vikingo. Tiña dous anos e medio aquela fatídica tarde de luns, hai xa catro anos. O coche no que viaxaba co seu pai foi embestido por outro vehículo nunha curva. O meniño sobreviviu. Pasou sete meses de agonía nunha camiña, pentapléxico, sometido a múltiples operacións que non conseguiron salvarlle a vida. Gabriel viaxaba nun SRI que cumpría todo o que estipula a lei, unha desas cadeiras con escudo que tan boas puntuacións acadan en determinados rankins automobilísticos. Eles saberán por que.

Pero era unha cadeira AFM, é dicir, a favor da marcha. Gabriel sufriu unha decapitación interna na colisión. Fernando e Elena, os seus pais, trataron de sobrepoñerse a unha ferida que nunca se pechará, e iniciaron unha campaña, La Leyenda de la Ola Verde, para tratar de concienciar á sociedade da importancia de utilizar SRI ACM (a contramarcha).  Só é cuestión de física. Nin é unha moda nin unha estratexia para vender cadeiras máis custosas. Porque, aínda así, a máis barata ACM é máis segura que a máis cara no sentido da marcha.

Porque o problema é que aínda hai moita ignorancia neste tema, mesmo por algunha xente que vende SRI, que non coñece as estatísticas nin os datos, nin que a forma máis segura para que unha crianza viaxe en coche, alomenos ata os catro anos, é a contramarcha. Que non sabe -ou non quere saber- que aos pequenos sí lles caben as pernas, que sí ven pola luna traseira, que non se marean...

Cadeiras caras? Canto vale a vida dun fillo? Por que hai xente que ve normal gastar mil euros nun carriño de bebé para pasear pola rúa, que usará tan só uns meses, e lle parece un dispendio gastar 200 ou mesmo 400 nun SRI que lle servirá ao rapaz ata os cinco ou seis anos? Muller, podendo gastar 50 nun cacho de plástico quitamultas de oferta no hipermercado... Serán prioridades.

Prioridades
Comentarios