Blog | Non tes tu fe

Prioridades

As tribunas das procesións, un ben de primeira necesidade
Un mupi anunciando a Semana Santa de Almería. EUROPA PRESS
photo_camera Un mupi anunciando a Semana Santa de Almería. EUROPA PRESS

HAI UNS DÍAS fíxose viral unha reportaxe de Thais Villas en El Intermedio na que entrevistaba a distintas persoas anónimas a propósito da subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), fixado agora en 950 euros. O espazo tiña todos os ingredientes para triunfar nas redes: a eterna loita de clases e a ansia viva pola rexouba a conta da vida dos que máis teñen (materialmente, quero dicir), esa mesma que fai triunfar as revistas tipo Hola! ou os programas que nos abren a portas a mansións, castelos e iates. Xa poden imaxinar o festín.

No "barrio pobre" os veciños aplaudían a medida pero aínda lles parecía escasa, visto o custo da vida actual, e con isto refírome a pagar o aluguer ou a hipoteca dun pisiño normal, os recibos da luz e do gas e o ventilador un día de verán a 35 graos. E, xa poñéndonos exquisitas, ir almorzar coa túa filla un domingo ao bar de abaixo. Por só 2,30 euros cada unha, tampouco vaiamos botar foguetes. No "barrio rico", pola contra, parecíalles malísima a subida, que como se pode atrever este goberno de comunistas a obrigarnos a pagar 50 euros máis a cada escravo (perdón, empregado), porque se só fora un... Pero son 10.000 e xa ven que non lle saen as contas a este pequeno empresario ao que unha nómina de 950 euros lle parece un exceso, pero que a el boa falta lle fai a súa, de máis de 5.000, para manter o seu ritmo de vida.

Aínda continúo abraiada coa naturalidade coa que algunha xente conta en prime time que con menos ingresos lle sería moi difícil seguir pagando o paddle, o fútbol ou o esquí. Outras non saben o que é un ventilador porque, obviamente, teñen aire acondicionado en toda a casa (tamén no chalé de veraneo, na costa) e se a calor apreta aínda se poden tirar á piscina (privada, obviamente) mentres a asistenta lles trae uns daiquiris.

Ricas e pobres hóuboas sempre e inxenuas seriamos se pensaramos que sistema vai cambiar algo máis aló que un chispún como o da suba do SMI, que algo é algo. Porén, haberá que centrarse nas prioridades. E nalgunhas familias o primeiro é encher a neveira (e o bandullo) e noutras a decisión sobre onde empezar meter a tixeira empeza moito máis arriba, entre as habituais saídas a restaurantes caros ou as vacacións exóticas.

Prioridades. Disto entenden, pero non moito, certos gobernos. Foi o que pensei a propósito da proposta do presidente da Junta de Andalucía, Juanma Moreno (cabecilla do trifachito), que lle propón ao Ministerio de Hacienda unha rebaixa do IVE. Quizais nalgún medicamento? Na luz e no gas? Quizais nos cueiros? En alimentación? A quen lle importa todo iso? O que as andaluzas precisan é que lles rebaixen os impostos nun ben de primeirísima necesidade, como é o aluguer das cadeiras, tribunas e palcos para ver as procesións de Semana Santa. Porque neste caso, un penitente non tería por que pagar o 21% de IVA podendo deixalo na metade.

A sociedade do benestar era isto. Moreno apela á "importancia religiosa y cultural y la labor social de las hermandades y cofradías que lo justifican". Cultura, din. Se falan de cultura igual podían potenciar as bibliotecas, o cine ou o teatro. Tamén podían falar de saúde, de emprego, de educación, do mundo agrario que tan mal o está a pasar... E isto pasa nunha comunidade que soporta o 20,8% de paro, que ten un 38,2% de poboación en risco de pobreza e unha taxa de fracaso escolar do 21,9%. Pero, amigas, con la Iglesia hemos topado.

Porque no mundo feliz de Moreno e compañía o máis lóxico é querer baixarlle os impostos aos que teñen a posibilidade de alugar estas cadeiras. O resto da poboación, as señoriñas que viven cunha pensión non contributiva coa que manteñen fillos e netos, terán que rezar desde onde poidan. Ou acordarse nas vindeiras eleccións.