Blog | Non tes tu fe

Rosalía

Mural das Letras Galegas no colexio Vidal Portela, no que Rosalía de Castro ten un gran protagonismo
photo_camera Mural do Día do Libro no colexio Vidal Portela, no que Rosalía de Castro ten un gran protagonismo

NALGÚN CURSO indeterminado da EXB pedírannos contar a vida (imaxino que tamén a obra) de Rosalía de Castro en anda deseñada. Non lembro o meu. Non lembro ningún cómic máis que o dunha compañeira que a plasmaba encinta en case todas as viñetas. Foran seis embarazos (un deles de mellizos e outro con fatal desenlace). Nas mentes duns críos este aspecto tiña que ter certa relevancia.

Desde aquela, nos anos oitenta, as investigacións sobre a autora de Cantares Gallegos teñen avanzado moito. Non lembro que entón se nos recalcara a súa vertente feminista, por exemplo. Así que benvidas sexan as achegas á súa vida e á súa obra, pois non sei ata que punto pensamos que o sabemos todo dela ou o coñecida que sexa a súa figura entre a xente do común máis aló do Padornelo. Unha rápida enquisa sen ningún valor estatístico revélame que se pregunto por Rosalía non todo o mundo sabe se me refiro á nai de Ovidio ou á do Tra tra. Que hai a quen lle soa de tela estudado na escola ou a quen lle cae a bágoa coa Negra Sombra na voz de Luz Casal.

Etxebarria está redescubrindo a figura rosaliana; si, poden tremer

Así que, veña, quizais non sexan suficientes os traballos publicados ata a data, como Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), co que a filóloga luguesa gañou en 2018 o Premio Nacional de Ensayo, que revisa a imaxe tópica que tiñamos dela, ou Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure, co que a escritora María Reimóndez logrou o I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual.

Igual necesitamos máis referencias. Pero non a calquera prezo. Aínda teño os pelos de punta tras saber do proxecto que está perpetrando Lucía Etxebarria. Seica prevé publicar en decembro un libro chamado Mujeres extraordinarias (nunca teremos demasiadas valerosas, pioneiras, rebeldes, etcétera), no que á autora de Follas Novas se lle adiviña un importante protagonismo. Porque Lucía, amigas, está documentándose moi forte (sempre quixen colar esta expresión nalgún artigo) sobre a literata que deu orixe ao Día das Letras Galegas.

Lucía, que non adoita a alonxar se moito das polémicas, provocou certo cataclismo no seu muro de Facebook ao revelar, atención, que Rosalía "era hija del párroco de Padrón" e que "se acostó con un crítico literario- también gallego- y se quedó embarazada". Este tipo viña sendo Manuel Murguía. Aínda que non chega a mencionalo polo seu nome, si conta que casou con el aínda que sabía que "tenía otras mujeres" e que, ademais, "él se destinó a sí mismo un enorme despacho y a ella le hacía escribir en la cocina". Isto puido comprobalo ela mesma cando visitou a Casa da Matanza e foi unha visión que lle fixo sentir "un dolor inmenso", tal como confesa nos comentarios nos que lle recriminan que, quizais, non se está a documentar demasiado ben.

De Murguía conta tamén que "se convirtió en el líder del llamado Rexurdimiento (sic) y para sus fines políticos publicó en Vigo, en el año 1863, unas poesías que Rosalía había escrito, sin consultarle previamente a ella". Por se fora pouco "destruyó muchos de sus artículos y cartas" e, "en especial, borró párrafos feministas o críticas a la Universidad de Compostela. También cambió la ortografía de sus obras para publicarlas en un gallego oficial y frío que no es el que hablaba Rosalía. Y además secuestró su cuerpo".

Como o len. Secuestrouno. Porque "había sido enterrada en el cementerio de Iria, en Padrón, allí donde ella había pedido expresamente descansar para siempre", pero "seis años después su marido la exhumó y la trasladó a un mausoleo en Santiago".

No Panteón dos Galegos Ilustres, concretamente, tal como lle fixeron notar, seguramente botando as mans á cabeza, nos comentarios. Di Lucía que Rosalía quería "ver el mar" desde o máis aló e en Compostela tíñao máis difícil. Igual a frase que lle atribúen antes do último suspiro a confundiu lixeiramente.

Tamén lle aconsellaron "estudiar un poco más y mejor la biografía" de Rosalía, "ya que algunos datos y juicios de valor de tu post no son ciertos ni adecuados", lembráronlle que para enxalzar a súa figura non era preciso rebaixar a de Murguía e que si, podía ser un machirulo de libro, como todos no século XIX, unha época na que, por certo, non había galego normativo, nin oficial, nin frío nin quente. Lucía atribúelle os datos a Pedro Larrauri, profesor asociado da Universidade de Vigo. É, por certo, o traumatólogo condenado pola tardanza nun diagnóstico que lle costou a amputación dunha perna á atleta Desirée Vila. Hai uns meses publicou un artigo no que se debeu de documentar Etxebarria, xa que coincide punto por punto, no que critica o "apropiamiento indebido" da súa figura "por algunos grupos muy concretos de gallegos" que seica queren instrumentalizala e manipulala. "Rosalía es de todos". Dito queda.

Comentarios