Blog | Non tes tu fe

Siga a (condenada) frecha

O valado das obras de Benito Corbal ten unhas frechiñas que indican o itinerario a seguir. C.G.
photo_camera O valado das obras de Benito Corbal ten unhas frechiñas que indican o itinerario a seguir. C.G.

A PRIMEIRA vez que souben delas foi nun comentario nese grupo de facebook del que usted me habla, nese mesmo que se comentan as cousas desta querida Pontevedra como se fora un inmenso patio de veciñas do mesmísimo Campolongo, por poñer un exemplo.

Alguén fixo notar que no valado que rodea as famosas obras do famoso cruzamento entre Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac hai unhas frechiñas indicando o itinerario que deben seguir os viandantes e que por que, señor, por que, a xente non fai caso da sinalización. Confeso que me empezou a subir unha quentura polas meixelas, pois viña de pasar por alí a véspera e non me fixara nin en frechas nin nada parecido, seguro que por ir co fociño metido no móbil. Culpable.

Pero igual ese día aínda non estaban, porque a seguinte vez vinas sen problema ningún. E a pesar de non saír demasiado da casa, xa me cadrou varias veces de pasar por ese lugar que, efectivamente, se está a reformar por cuarta vez nos últimos sete anos, e ver as famosas frechiñas.

Queren superar unha pandemia e non saben nin seguir os itinerarios

(Inciso: moito se critica a enésima reforma, como algo puramente estético moi propio dos pontevedreses do mesmísimo centro do casco urbano e que se as aldeas bla bla bla, pero había que ver que pasaría se as famosas filtracións atopadas case por casualidade acabaran revelándose nunhas circunstancias menos afortunadas).

Sigo. Vin as famosas indicacións, en azul e vermello e vin tamén como a xente (aquí botaría en falta o simboliño TM para poñer a carón dun ‘la gente’) pasaba para un lado e para o outro sen facerlle nin o máis mínimo caso aos carteliños coas dichosas frechas que nos din por onde temos que ir. Para que se sitúen: se imos desde a Peregrina en dirección ao Centro Comercial Aberto Amancio Ortega, temos que seguir pola man dereita, bordeando o comer cio de zapatos que respiran e a tenda de maletas que algún día precisaremos para saír do perímetro da Barca e Cerponzóns. Tamén temos que ir por ese lado, ollo, se queremos tirar cara abaixo, onde as hamburguesas galegas ou as pizzas italianas que agora non podemos degustar in situ.

Pola contra, se vimos da de Amancio coa idea de coller cara a Oliva ou Michelena temos que pasar por diante desa sucursal que antes era da terriña e por ese escaparate de xamóns que tan ben sentarían ás portas da Cuaresma. Tamén, insisto, temos que pasar por ese lado aínda que queiramos ir da Milla de Ouro a Daniel de la Sota. Non, non vale atallar por diante das maletas.

A que non é tan difícil? Afeitas como estamos a circular como nos peta por estas marabillosas rúas que tanto se prestan a botar o pé sen fixarse moito se vén un coche –xa parará– ou se vén alguén de fronte –malo será que tropecemos– igual non nos fixamos, pero estas frechiñas das que lles falo son fundamentais para non bater con ninguén que camiña correctamente por eses estreitos pasos que rodean o valado do que estamos a falar, máis aínda nestes tempos pandémicos de distancia de seguridade. Para non tropezar e para non meterlle as puntiñas das variñas dos paraugas abertos nos ollos a máis de un. Ou de unha. Porque ganas, asegúrollelo, non me faltan e a miña estatura préstase a iso. Sería o premio perfecto para toda esa xente que non mira por onde vai ou que directamente ignora os sinais, que non sei que é peor, ou que, aínda por riba de todo, tería máis que dicir.

Comentarios