miércoles. 01.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 01.04.2020
El tiempo

Simulacro dun día normal

A Lanzada, solpor do 30 de decembro de 2019. C.G
A Lanzada, solpor do 30 de decembro de 2019. C.G

Unha pálpebra que empeza a moverse. Dúas. Ao tempo que soa ao lonxe un tiririrititití empezas a acordar. Mentres o resto do corpo comeza a reiniciarse, polo maxín empezan a pasar, a cámara rápida, imaxes da ducha, hai que botar a lavadora, bos días rapaces, almorzo, veña que non chegamos, é luns, está listo o mandilón? Que toca de merenda, galletas, terán que valer estas, de que escribo hoxe o artigo, había algunha previa...? E, de súpeto, boom! Antes de que as dúas pálpebras acaben de abrirse todas esas imaxes saltan polos aires. Falso. Simulacro dun día normal. Claro que isto era antes de onte. Agora, a cabeciña non descansa nin en soños. Como será dentro duns días. 

O 30 de decembro de 2019 era un día solleiro, o penúltimo de libranza antes da 'quenda chunga' de traballar en Aninovo e Reis. Collemos o coche e tiramos cara A Lanzada. A idea era ver o solpor e un neboeiro traizoeiro no horizonte fixo que case non chegaramos a tempo. Paseos pola area sentindo a lene brisa no rostro. O mar, tan preto e tan lonxe para as que somos de interior ma non troppo.

Lembro dous artigos lidos recentemente sobre esas últimas veces que non se sabe que o son ata que xa é demasiado tarde. Últimas, que non derradeiras. Só agardo iso. 

Apenas 24 horas despois, na véspera de estrear un ano que se supera por momentos, un fatídico incidente deixounos sen coche e botamos dous meses confinados en Pontevedra, agradecendo que só foran danos materiais e lembrando A Lanzada, ou a aldea, sen ir máis lonxe. 

Dous meses en Pontevedra. Nin tan mal en pleno inverno. Quen nos dera agora eses paseos obrigados por Michelena, esas carreiras detrás das pombas da Ferrería, esas excursións á Illa do Covo, esas andainas polas Corbaceiras, ese imos a Barcelos ou quedamos no parque do barco, eses que lata que chove e fai falta paraugas, corre que non pillamos a porta do cole aberta. 

Pero todo pasará. Ou iso quero crer. Sexan dúas, tres, catro semanas ou seis. E sairemos do tobo como eses coelliños medorentos despois da longa invernía. Aínda que a primavera empece tan tarde este ano.

Simulacro dun día normal
Comentarios