Blog | Non tes tu fe

Tempo de nada

Tempo de nada CG
photo_camera Tempo de nada CG

DENÍS ten catro anos e púxolle data de caducidade ao coronavirus. Será no verán, por algo que escoitou na televisión. Conta seu pai que o raparigo fala a diario de pitas e fabas e pregunta aos avós polo estado das súas cousas. A uns avós que non ve desde aquel lonxano mes de agosto, cando parecía que a vella realidade podería chegar a volver máis pronto que tarde, como os pantalóns acampanados e as botas de plataforma.

Denís, ademais, trama plans anticovid. O primeiro, insistir en baixar á rúa con potentes aspiradoras para acabar co coronavirus (quen vería ao bicho a ritmo de rumba  ou  conga)  e,  segundo, baixar disfrazado de coronavirus para non ser infectado. Unha sor-te de ei, colega, estamos no mesmo equipo.

"Pero que pasa cos nenos? Só saíron na tele o día de Reis"

Olivia, de cinco, está convencida de que o virus marchará en abril. Escoitoullo unha vez a unha mestra e xa se sabe que a palabra das mestras, sobre todo a certas idades, é sagrada. Non lle acaban de convencer esas explicacións da rotura do stock de Pfizer ou da enormísima falta de vergoña de certos individuos e individuas á hora de plantar o brazo diante dunha agulla mentres tantísimas persoas vulnerables e tantísimos profesionais da saúde seguen esperando a súa vacina.

Ela e o seu irmán tamén botan en falta ir á casa dos avós –ao igual que os de Denís, noutra provincia–, apertar ás amizades e outras cousas máis prosaicas como xogar á pelota no patio do colexio, andar sen máscara, ignorar o significado do xel hidroalcohólico e entrar en tropel polas escaleiras da escola, esquecendo esas ringleiras marciais, coa consabida distancia regulamentaria, que son o pan de cada día desde o inicio do curso.

Hai quen bota en falta intercambiar cromos no recreo, compartir o bocata ou prestarlle os bolis ao compañeiro de pupitre, por non falar de todas esas celebracións que nunca terán lugar, eses aniversarios, esas tortas con cinco, sete, nove candeas reparti-das entre unha rapazada alterada pola sobredose de chocolate e diversas lambetadas. Nunha volverán cumprir cinco, sete, nove anos. Aínda que o importante, va que si, é cumprilos con saúde, aínda que sexa coa familia extensa e os amigos ao outro lado das pantallas. Bendita tecnoloxía.

Quizais todas estas cousas só as pensemos as nais, os pais, as mestras ou as avoas.

Por iso hai quen, lonxe deste mundo alleo ás crianzas, ten a sensación de que aos nenos pequenos os tragou a terra. Dicíao @lidiadosil este día no Twitter: "Nos medios falase dos universitarios, da xente maior, da xente que teletraballa, dos traballadores en primeira liña, dos que fan deporte. Pero que pasa cos nenos? Só saíron na tele o día de Reis. Como o están levando?".

Entre as outras respostas hai casos de verdadeira emoción por poder xogar dez minutos ao brilé no recreo –sempre enchoupando o balón en xel hidroalcóholico, a auga bendita do século XXI– e desexos tales como ter permiso para troulear cos da clase do lado ou mesmo por poderlle ver a cara á mestra, aínda que só sexa unha vez, sen a consabida máscara.

Por iso agora, mentres a terceira ola nos afoga (á terceira irá a vencida?), só nos queda agardar, coidarnos, e rezar o que saibamos. É tempo de nada.

Comentarios