Blog | Non tes tu fe

Tempo para o optimismo?

LEO QUE a neurocientífica Tali Sharot, da University College de Londres, fixo unha serie de experimentos que demostran que o cerebro nos impide ver a forza dos argumentos que contradín o noso pensamento. Os científicos observan unha área cerebral que podería influír en que fagamos oídos xordos a outras opinións, dá igual o erradas que esteamos. O estudo, publicado en Nature Neuroscience, vén a confirmar aquilo que xa sabiamos de que escoitamos o que queremos oír e lemos o que nos dá a razón. Despois preguntarémonos como o mundo vai como vai.

Aínda así, que non cunda o pesimismo, pois estes experimentos demostran que as opinións negativas, aínda que moito menos, tamén inflúen, que as consideramos, aínda que só sexa un chisco. Non está todo perdido.

A loita polo medio ambiente debería liderar os propósitos de 2020

E será este tempo para o optimismo? Temos as rúas (céntricas) cheas de escintilantes luciñas que nos levantan o ánimo e nos incitan, disque, a facer gasto e encher as árbores de paquetiños que compitan en brillo cos ollos das crianzas na mañá de Nadal.

Non estará de máis, pois, recuperar aquela ilusión infantil e pensar que as cousas poden ir a mellor, pois quen non cre na maxia está condenado á desesperanza (e isto vai tamén por quen deixou de crer no Apalpador, en Santa Claus e nos Reis Magos). Millóns de crianzas non poden estar erradas.

Aínda que a lotería de Nadal volvera pasar, outra vez, sen mirarnos nin de esguello.

Por iso, se chego a tempo para escribir unha carta a todos eles, que digo carta, telegrama ou whatsapp, gustaríame pedirlles unhas poucas cousas: empezaría por un goberno estable (quen sabe se a maxia do Nadal surtirá efecto) e seguiría por unha oposición que faga o seu traballo en vez de buscar lío con parvadas que só sirvan para gañar un par de titulares rechamantes e crear máis confrontación na sociedade (lembren, non imos cambiar de opinión así polas boas). O da oposición tanto vale para a capital do reino como para calquera outro escenario político.

Pediría tamén un pouco máis de conciencia a favor do medio ambiente e que nos impliquemos definitivamente en evitar (se fora posible) que as consecuencias do cambio climático vaian a máis.

Unha das mellores cousas que pasaron neste 2019 que se nos escapa das mans foi ver plasmado nas rúas o compromiso de tanta xente nova loitando por un planeta que estamos destruíndo a pasos axigantados. Ver fóra das aulas a tanta rapazada, detrás das súas pancartas de cartón reutilizado, pedindo solucións aos que mandan, seguindo a estela de Greta Thunberg, é un canto á esperanza, aínda que ás veces penso canto hai de efímero entusiasmo xuvenil en tales movementos.

Alomenos debemos felicitarnos, pois en Pontevedra a concienciación neste sentido é notable nas aulas. Decateime o outro día, escoitando na radio unha entrevista cunha rapaza madrileña de nove anos. Escollérana, en pleno cumio mundial do clima, para que contara o tan implicada que estaban ela e a súa familia polo coidado do medio ambiente. Non tiñan coche, non usaban plástico e por suposto separaban o lixo milimetricamente, pero resulta que no seu colexio nunca lle dixeran nin unha palabra sobre o tema.

Porque nas aulas é onde a rapazada bota boa parte da súa vida, e por iso mestres e mestras son fundamentais. É así que deben implicarse ao máximo porque nas súas mans está o futuro da sociedade, unha sociedade que debe deixalos traballar e non perseguilos con ideas doutros tempos máis propias dunha caza de bruxas.

Comentarios