Blog | Non tes tu fe

Todas somos inocentes

Un home guiando un burro nunha parroquia pontevedresa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
photo_camera Un home guiando un burro nunha parroquia pontevedresa. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

O 1 DE abril van os burros onde non deben ir. Así o di o refrán, porque hoxe, cando estou escribindo estas liñas –que foi onte para vostedes as do papel ou calquera día se as len na web– celébrase o Día da Mentira ou Día dos Enganos. É unha tradición que se conserva en numerosos países de todo o mundo, entre eles Galicia. Nos de cultura aglosaxona coñécese como o April Fools' Day (día de abril dos parvos ou dos tolos, eses aos que se lles dá a razón porque si ou por non discutir), e é costume difundir noticias falsas nos medios de comunicación. En Italia, Francia e Belxica é coñecido como peixe de abril (pesce diaprile en italiano, poisson diavril en francés e aprilvis en holandés), e a tradición é facer bonecos de papel con forma de peixe e pegarllos á xente. A Wikipedia non pode estar moi errada, coido.

Os autores de El Mundo Today téñeno cada vez máis complicado

Así, tanto en Galicia como nos demais países lusófonos –agora que a lusofonía está máis de moda (de moda?) ca nunca– apostamos polo refrán co que se abre este artigo. É o que se lle di a alguén que dá por bo algún dos enganos propios do día. Din en Orgullo Galego que "se ben é certo que a celebración do Día dos Enganos en Galiza estaba a desaparecer, substituída en parte pola tradición española do Día dos Santos Inocentes, vénse facendo un esforzo nestes últimos tempos para manter e reavivar a tradición".

Pode ser. Confeso que hai ben poucos anos que souben dela, porque claro, se estamos en España o que hai que facer é celebrar os Santos Inocentes, que xa me dirán que ten de festivo conmemorar o asasinato de centos (ou eran miles?) de meniños por un tal Herodes hai como 2018 anos e pico (mes arriba mes abaixo, porque xa saben que a Biblia tampouco hai que tomala ao pé da letra, verdade?).

Ata non hai moito tempo ese día había que andar con pés de chumbo. Coller os xornais con toda a precaución do mundo, pois máis que mancharse coa tinta podía ser que nos colaran algunha noticia falsa con apariencia de verdade absoluta. Prender o televisor ou a radio (un saúdo a Eugenio Giráldez, voz da miña infancia en Radio Pontevedra, ao que lle poñía a imaxe de Humphrey Bogart, con chapeu, gabán e pitillo fumegante incluído, non me digan por que) co mesmo coidado.

Moito cambiaron as cousas desde entón, porque agora non é que na prensa nos vaian contar enganos calquera día aínda que non sexa 28 de decembro nin 1 de abril (líbreme Deus de insinuar tal cousa), pero hai que andar con mil ollos, sobre todo nas redes sociais, porque cada vez é máis difícil distinguir a realidade da ficción. Cousas da vida.

Aínda lembro cando empezou a dicirse iso de "parece que é unha noticia de El Mundo Today" para expresar o asombro ao ler algunha historia que, de tan sorprendente, parecía falsa. Ben certo é que os autores deste medio téñeno cada vez máis difícil para contrapoñer as súas historias á realidade, que se empeña en obrigarnos a ser cada vez máis incrédulos, unha medida de seguridade indispensable nestes tempos de fake news ou de falabaratos que nos fan pensar dúas veces se alguén que se supón estudado pudo soltar semellantes barbaridades pola boca.

Xa di este mesmo medio satírico que vivir aillado e non estar informado é a mellor forma de evitar as noticias falsas. Tamén se dicía que unha imaxe vale máis que mil palabras, pero ata iso é hoxe máis falso que os bulos que corren pola rede sen cancelas (nin cancelos) que os conteñan e non hai máis que ir a esas fotografías de persoas que non existen pero que parecen absolutamente auténticas.

Comentarios