Blog | Non tes tu fe

Unha cidade 10

Señal colocada este miércoles en la subida a Arcebispo Malvar. DAVID FREIRE
photo_camera Señal colocada este miércoles en la subida a Arcebispo Malvar. DAVID FREIRE - Zona 10

SEGUNDO A aplicación de contar os pasos que teño no móbil, cousas destes tempos modernos, no momento no que estou escribindo isto -e non preguntedes a hora- tiña percorrido algo máis de 10.000 pasos durante a xornada, o que se traduce en sete quilómetros e un tempo activo de hora e media longa. En resumo, se as matemáticas non me fallan (e, sobre todo, a calculadora), a miña velocidade media é de 4,2 quilómetros por hora.

Ben. Podo estar tranquila, non vou infrinxir os novos sinais de límite de velocidade recentemente instalados en varios puntos da Boa Vila e que converten a Pontevedra nunha auténtica cidade 10.

Os que critican o novo límite son os que non saben frear nos lombos

O anuncio do Concello, que apenas tardou 48 horas en converter as palabras en feitos, volveu poñer os pelos de punta a máis de un condutor, que se pregunta como pode controlar o coche para non superar esa velocidade. E, como non, xa volveron saír as lumbreras que piden a inmediata erradicación do imposto de rodaje se total en Pontevedra non podemos sacar o vehículo do garaxe. Para que pagamos iso se non lles gastamos o asfalto? Eh?

A medida dez entrou en vigor en case todas as rúas do casco histórico, da améndoa central da cidade e tamén en Virxe do Camiño e O Gorgullón, espazos que acaban de estrear a plataforma única e por onde a diario pasan os peregrinos camiño de Compostela. Disque 95.000 ao ano, nada menos.

Unha información publicada a semana pasada por Serafín Alonso neste periódico revelaba que a decisión contaba con moitos apoios. De quen? Pois das asociacións Stop Accidentes e Amigos do Camiño Portugués, do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, do colectivo Pedaladas ou mesmo dos propios taxistas, precisamente dos poucos que están afeitos a circular sobre catro rodas polo medio da cidade e que teñen moi en conta que a prioridade é sempre do peón.

Todos estaban a favor. Por que será? O de Stop Accidentes, é obvio. Todo o que sexa velar pola seguridade e por evitar a sinistralidade vai á misa. E en Pontevedra o último accidente fatal no casco urbano produciuse hai oito anos. Por algo será.

Mesmo o colectivo de ciclistas, eses mesmos que tamén terán que ter conta do freo para non pasarse de velocidade, está de acordo, porque eles tamén se xogan o pelello cada vez que circulan preto doutros vehículos.

Di o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, que a ninguén se lle ocorría xa circular a máis de dez por hora pola rúa Real, polo que esta medida tampouco é nada esaxerada nin sorprendente. Non é o habitual, pero habelos haylos, e non digo nada de Arcebispo Malvar, outra vía onde o sinal de 10 é unha pequena victoria.

E vaia se os hai. Deben ser eses mesmos que claman nas redes sociais contra decisións deste tipo, eses mesmos que pretenden meter o coche ata a mesmísima Peregrina, eses mesmos que cuestionan os lombos pero que se non fora pola súa existencia non saberían poñer o pé no freo (e aínda así lles custa). Eses mesmos que se laian do famoso imposto de rodaxe porque pensan que lles dá vía libre para circular por onde queren, os que se queixan de ter que aparcar no Recinto Feiral, os que pensan que o Concello lles ten que garantir unha praza de estacionamento en pleno centro da cidade, gratuíta, por exemplo, porque pagar un euro por hora é caro (que vaian a outras cidades e comparen).

E son, tamén, os mesmos que meten o coche por riba das beirarrúas para recoller as crianzas na escola porque aparcar no patio da escola aínda está complicado (e dáme a impresión de que Pontevedra non é a peor cidade neste caso, que alguén me corrixa).

Comentarios