Blog | Non tes tu fe

Unha volta ao sol

Posta de sol en Mogor. C. G.
photo_camera Posta de sol en Mogor. C. G.

CASOS ACTIVOS, patoloxías previas, incidencia acumulada, contaxios diarios, PCR, positivos, transmisión comunitaria... Estarán fartas de escoitar, de ler, de utilizar estas expresións que hai apenas doce meses nos eran tan alleas. Pasou case unha volta ao sol desde que eramos como formiguiñas curricando dun lado ao outro, como o famoso hamster dándolle á roda, cunhas vidas estresadas (casa, traballo, colexio, extraescolares, coidados...) que agora son parecidas, pero peores. Eran unhas vidas nas que non tiñan espazo nin as máscaras nin os xeles hidroalcohólicos, nas que non había fronteiras (non había nin brexit! pero esa é outra historia) nin se nos pasaba pola cabeza ver un bar pechado ás seis da tarde ou botar meses sen ver a seres queridos.

Algunhas cousas non cambiaron, como estar escribindo estas liñas ao borde do precipicio da hora da peche, sentindo o arfar da linotipia (si, é metafórico) como o medo que nos mete agora o virus, só lixeiramente aliviada polas ventaxas do teletraballo que me permite facelo á calor do fogar e non saltarme o toque de queda vindo a correr polas pantasmagóricas rúas pontevedresas como unha Cincenta trasnoitada que deixa atrás o baile dos dedos sobre o teclado.

Fai un ano estaría, seguramente, cavilando na organización da festa de aniversario do meu fillo, que se celebrou a mediados de febreiro nun parque de bolas da cidade. Unha manchea de crianzas emocionadas, suorosas, cos beizos cheos de chocolate... Quen nos ía dicir que sería a última da axenda cumpleañera daquela vella normalidade. Quen nos poderá dicir cando recuperaremos un evento similar. El, a piques de soplar as oito candeas na burbulla dos convivintes, ten claro que non se volverá repetir aquela celebración. Xa será demasiado maior. Quizais o faga, quen sabe, nunha sala de cine, nesas mesmas que cada vez ven máis recortados os seus aforos e os seus horarios, pese a que se trata, agora mesmo, dun dos espazos máis seguros para gozar da cultura (ou do entretemento). Ou nun parque ao aire libre, onde a cativada aínda pode lembrar, vagamente, como eran aqueles tempos nos que troulear sen medo a achegarse demasiado ás outras persoas. Aquela festa foi o prólogo a un Entroido que xa non acabou como estaba previsto (penso que xa dixen algún día que en Poio lles quedou algún becho por queimar na fogueira), que pasou dos disfraces de coronavirus á suspensión dos eventos máis atrasados e que nos meteu de cabeza no estado de alarma e todo o que veu detrás.

Dez meses despois de todo aquilo, a punto de completar a volta ao sol na que todos sumaremos a nosa respectiva celebración de aniversario pandémica (menos os ‘listillos’ para quen as normas non parecen estar escritas) e algúns empezarán a contar a segunda (os de marzo, paciencia), a luz ao final do túnel parece cada día máis lonxana. Dá igual que teñamos a vacina, que haxa afortunadas que xa teñan postas as dúas doses, que falen do 70% de inmunización en España de cara o verán... É imposible ser optimistas cando a agonía se alonga sen remedio, cando sabes da morte dunha muller de 57 anos sen patoloxías previas (sexa iso o que sexa) e cando as autoridades tratan de pechar hemorraxias con apósitos de cores sen atreverse a ditar medidas contundentes que posiblemente acaben coa economía e quizais coa nosa saúde mental, pero que, quen sabe, ao millor suporían coller ventaxa nesta carreira infernal diante do coronavirus.

Comentarios