Martes. 21.05.2019 |
El tiempo
Martes. 21.05.2019
El tiempo

Veleno puro nos seus oídos

Extracto da viñeta que ilustra a petición 'Espacios infantiles libres de música machista'. @MAMADIBUJA
Extracto da viñeta que ilustra a petición 'Espacios infantiles libres de música machista'. @MAMADIBUJA

"TENGO UNA conejita con tremendo culote / ella no, no le para a nada no / ella quiere que la choque / Y ella quiere mi bolón en su boca / dice que soy el loco que la coloca / yo la conocí con orejitas y sin ropa / Tu nalga dice que se vende pero me la fía / cuando me lo da tengo el guía / es que tu paladar mi leche conocía / La agarro duro del pelo si lo estamos haciendo / por eso es que nunca me detengo".

Altamente edificante, non si? Esta canción, por chamarlle dalgún xeito a semellante aberración, titúlase Conejita e interprétaa un tal Atomic Otro Way (rezo por que as cookies non teñan moito en conta esta pescuda no Google, aínda que as xornalistas estamos afeitas a remexer no esterco, gajes do oficio). 

A composición califícase por si mesma, así que escusamos facer unha análise estilística nin insinuar que lixo deste tipo debería estar erradicado da esfera pública. Non. Ata aí poderá chegar. 

Seguro? Resulta que a música que escoitamos non se reduce ao disco que eliximos poñer no aparello da casa mentres cociñamos, á emisora que sintonizamos no coche ou ao podcast que escoitamos no móbil camiño dalgún lado. Cantas veces ao día somos machacados con melodías de dubidoso gusto mentres compramos no súper, mentres asexamos nunha tenda de roupa, mentres tomamos un café... 

O problema, o máis grave, ocorre cando determinadas letras chegan a oídos inocentes. Hai un par de meses a muller que está detrás da páxina de Facebook Mamadibuja daba conta dunha situación vivida pola filla dunha amiga súa. A cativa, de tan só catro anos, estaba brincando no castelo inchable das festas da súa vila cando empezou a soar ‘Conejita’, que ironicamente Mamadibuja definiu como "un poema acerca del amor verdadero" no que se inclúen felacións, sexo anal, prostitución, maltrato, cousificación da muller... Sóalles? A meniña quedou asustada, paralizada. Obviamente non entendía parte da letra, pero chegoulle ben para entender que era "fea". 

Á súa nai non se lle ocorreu mellor cousa que pedirlle ao feirante que cambiara a música. É máis, ilusa ela, propúxolle á alcaldesa desa vila que non soase algo coma iso nas atraccións infantís. Pero que tolería! Co de moda que está, co ritmiño que ten! Pero se a muller é denigrada, ninguneada, usada como un obxecto... Pero se só é unha canción! Como ía pedirlle a alcaldesa dun concello de 2.000 habitantes ao dono da atracción que cambiara a música? Mellor outras solucións, como "si no te gusta te vas", "el año que viene organizas tú las fiestas" ou "alquilas unha colchoneta y os quedáis en vuestra casa escuchando un cassette de Parchís".

Pero estas dúas nais non se arredaron e Rosa Ambrosio (Mamadibuja) promoveu unha petición en change.org dirixida ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para pedir unha lexislación que protexa á infancia evitando a emisión desta clase de música nas actividades destinadas ao público infantil. En España hai unha lei que regula a emisión de contido nocivo nos medios audiovisuais, ese que pode prexudicar seriamente o desenvolvemento físico, mental ou moral dos menores e, en particular, de escenas de pornografía, maltrato e violencia de xénero. Pero non pasa nada se unha canción que cumpre todos estes requisitos se reproduce en actividades para a rapazada. Impunidade total.

Estas dúas nais consideran que unha sociedade que persegue a igualdade de xénero, condena a violencia e o maltrato á muller debe priorizar a protección da infancia afastándoa daqueles modelos claramente prexudiciais, xa que dan unha imaxe errada das relacións afectivas e sexuais e promoven o machismo, a violencia e a cousificación da muller. Este luns levaban recollidas 5.800 sinaturas e precísanse 7.500. Iso e que quen ten o poder faga o que ten que facer.
 

Veleno puro nos seus oídos
Comentarios