Blog | Non tes tu fe

Xogo de troniños

NON QUERÍA meterme nun xardín facendo a analoxía entre a omnipresente Game of Thrones e as batallas electorais que nos foron coincidir en tempo e forma coa emisión da última temporada da serie nacida do maxín de George R.R. Martin (apura coa seguinte entrega, meu!), pero confeso que a semana pasada tamén me veu á cabeza a alegoría dos tres camiñantes brancos ameazando con chegar a onde queira que estiveran os protagonistas no segundo capítulo da oitava temporada. Confeso que vou de atrevida, pois deixei a serie no primeiro episodio da segunda tanda (xa choveu) e tampouco quero arriscarme a soltar calquera mínimo spoiler.

Pero quen pode resistirse á comparación? Escoito falar dos sete reinos, dos clans, das conspiracións, de puñadas polas costas e das cabezas rebanadas e, que queren? Pensar niso e nas eleccións é todo un.

Poderá facer medrar o efecto Sánchez ao PSOE local?

Así que mentras trato de dilucidar se o vaso está medio baleiro ou medio cheo por aquilo da irrupción no Parlamento dun partido de ultradereita, xenófobo, racista, machista e demais lindezas con 24 escanos, sinto medrar a emoción porque, agora si, as eleccións municipais están cada vez máis preto. É ese o típico caso de podía ser peor, que por algo as sondaxes nos tiñan xa medio anestesiadas. Si, todo podía ir a peor, pero por moito que non cheguen ao Goberno, o feito de que teñan representación no hemiciclo (e un xeneroso salario e outras prebendas que lles pagaremos entre todos) unha panda de individuos –e individuas– ancorados no pasado máis tenebroso nunca pode ser unha boa noticia. Non podemos alegrarnos do feito de que exerzan como supostos representantes democráticos tipos como o xeneral Rosety, que vén de asinar un manifesto de enxalzamento do ditador Franco, no que xustifica o golpe de Estado do 36 e unha hipotética intervención do Exército en Cataluña. Estrañaranse dos resultados. Da pistola ao cinto de Abascal xa non digo nada. En fin. Supoño que haberá detector de metais.

Parece moi tolo para ser certo, pero se están é porque hai quen os vota. Concretamente, máis de 2,6 millóns de electores en España, 86.126 deles en Galicia e 27.082 na provincia de Pontevedra.

E agora chegamos ás eleccións locais, ás de elixir ao veciño ou veciña que vai mirar polas pistas, os puntos de luz e as tubaxes do saneamento durante os vindeiros catro anos. O das municipais é outro rollo. Esta cita electoral é a proba palpable de que a extrapolación de voto non ten moito sentido, porque só os militantes convencidos amosan a súa fidelidade a unhas siglas en calquera circunstancia. Sábeno ben no BNG, outra vez vítimas do suposto voto útil contra á ameazante alianza das dereitas, pero que agardan ao 26M para reivindicar un proxecto que, alomenos na Boa Vila, conta con indiscutibles apoios entre votantes habituais doutros partidos noutras convocatorias. Ese día desvelaremos tamén a incógnita do PSdeG e ata que punto o efecto Sánchez pode facer medrar as opcións do antigo socio de Goberno de Lores. Que dirán agora os defensores de Ence? Os que predicían o castigo socialista por opoñerse á prórroga da ‘fábrica de nubes’ na ría e que xa o deron por feito trala manifestación celebrada, casualmente, o último día da campaña?

Son os xogos dos troniños, pequenos asentos nobles nun salón de plenos con cetro en vez de espada como complemento. Rite ti dos Lannister cando hai candidaturas que teñen maridos, mulleres e cuñados ou cando hai concellos nos que se multiplican as listas porque sempre hai que ter alguén de man que mire polo de un.

Comentarios