Blog | Sabores de Galicia

Entregados os premios D.O. Ribeiro 2017

A Denominación de Orixe Ribeiro celebrou  a sexta edición dos seus Premios, organizados polo seu Consello Regulador. Unha cita que xuntou a máis de 300 profesionais no histórico Mosteiro de San Clodio en Leiro (Ourense) e que contou coa presentación da actriz Camila Bossa e a actuación do dúo Primordiais.

Durante o evento entregáronse os galardóns aos mellores viños da D.O. Ribeiro 2017. Foron designados por un panel de cata de expertos que participaron na cata final con mostras recollidas no mercado, seis de cada categoría.

O Mellor viño branco de adega é Ramón do Casar Treixadura 2016 da adega Ramón do Casar; o Mellor viño branco de colleiteiro é Pazo Tizón 2016 de Pazo Tizón e o Mellor viño tinto é Elisa Collarte 2016 da colleiteira Elisa Collarte Bernárdez.

Os outros viños finalistas na categoría de branco de adega foron Alter, de Priorato de Razamonde; Divino Rei, de Castro Rei e Viña do Campo, de Bodegas Docampo. No apartado de branco de colleiteiro chegaron tamén á final Leive Paradigma, de Áurea Lux; Manuel Rojo, de Adega Manuel Rojo e Sanclodio, de Produccións A Modiño. Todos os brancos da colleita 2016. E por último, en canto aos tintos, Joaquín Vázquez 2015, de Joaquín Vázquez; Señorío de Beade 2016, de A Portela e Viña do Campo Mencía 2016, de Bodegas Docampo foron os finalistas.

Para Felicísimo Pereira, presidente do C.R.D.O. Ribeiro: “A gala da D.O. Ribeiro é un día de ledicia porque é a festa de todas as persoas que forman parte da D.O. Ribeiro. Ademais, este foi un ano onde acadamos varios recoñecementos e temos que celebralo todos xuntos”.

Pola súa banda, a xerente do consello, Cristina Alcalá salientou que esta cita “é un xeito de recoñecer a adegas e profesionais de toda España na súa labor da difusión do viño da D.O. Ribeiro. Unha celebración e unha xuntanza para compartirmos experiencias”.

Premios honoríficos e a establecementos de hostalería e viñotecas

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro entrega anualmente unha serie de recoñecementos a profesionais de destacada traxectoria e a establecementos que destacan polo seu especial coidado no tratamento dos viños.

A Master of Wine, xornalista e escritora británica, Sarah Jane Evans recolleu o premio “Persoeiro de Honra”; o xornalista catalán Joan Gómez Pallarès, o “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación”; a sumiller galega radicada en Madrid Mónica Fernández recibiu o galardón “Muller e Viño”; e Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma, obtivo o “Premio Vida entre Vides”.

Ademais, na cerimonia recoñeceuse os profesionais e establecementos galegos que buscan a excelencia e prestan unha atención especial a difundir a cultura do viño.

En “Mellor Servizo de Viño en Restaurante” destacouse a A Mundiña, de A Coruña; o Premio “Mellor Tenda Especializada - Viñoteca” recaeu en El Yate, de Vigo; e o galardón á “Mellor Taberna - Bar de Viños” foi para Bagos, de Pontevedra.

Na categoría de “Mellor Servizo de Viño en Restaurante” os finalistas foron O Barazal de Maside e O Retiro da Costiña de Santa Comba; na de “Mellor Tenda Especializada – Viñoteca”, accederon á final La Sucursal de Lugo e Casa Amador de Ferrol; e no apartado de “Mellor Taberna-Bar de Viños” tamén foron finalistas Casa de Vinos Montecarlo de A Coruña e o Mesón Picasso de Ferrol

Comentarios