Blog | O voo da curuxa

'Ars amandi'

AFIRMA MICHEL Foucault na súa ‘ Historia da sexualidade’ que a nosa civilización carece de algo semellante a unha ‘ars erotica’ que como queda rexistrado nos textos históricos tiveron a fortuna de posuír os habitantes doutras idades. Neste senso o profesor Xosé Manuel Domínguez Prieto no limiar da súa obra ‘Alén da libido’ sinala que:

"Historicamente, temos sobranceiras  mostras  do  tratamento da sexualidade e da afectividade en xeral nos textos de ars erótica ou os de ‘ars amandi’. Así dende as nosas cantigas de amor trobadorescas ata a literatura árabe medieval (lémbrese O colar da pomba de Ibn Hazim de  Córdoba),  dende  o ‘Cantar dos cantares’ bíblico ou as referencias en multitude de textos orientais deica os textos de Platón (coma ‘O banquete’) e máis as referencias de Tomé de Aquino na ‘Summa theologica’, son millenta as referencias parciais ao acto sexual. Nembargantes, ‘Ars amandi’ nin se elaboraron discursos racionais sobre a sexualidade humana nin constituíu un obxecto en si mesmo: sempre estaba supeditada, dun xeito ou outro á relación amorosa".

Pode apreciarse a concordancia con Foucault quen, ademais, pon de manifesto que somos os primeiros e primeiras en practicar unha ‘scientia sexualis’ consistente en dicir a verdade do sexo (entre outra moitas e mais coñecidas, pódese mencionar aquí a
obra ‘Crítica de la razón sexual’ do filósofo galego Ignacio Castro). Ou sexa, pensamos, falamos, sabemos moito sobre que é o sexo pero somos bastante iletrados nas artes amatorias.

Recentemente vén de publicarse en Edicións Positivas a novela do tradutor lucense Xulio Pardo de Neyra ‘Intensa e quente é a túa humidade azul’, cuxa principal característica non reside na súa construción racional sobre o feito sexual senón na mostra da relación en si mesma, dos actos e as emocións que conlevan. Pode considerarse a primeira novela abertamente pornográfica en lingua galega na que a elección dos termos empregados pola parella protagonista  corresponde  coa coloquialidade propia das situacións que se relatan. Neste senso, nunha entrevista concedida á prensa escrita o autor sinala: "O noso idioma é unha das linguas románicas máis imaxinativas; temos 50 ou 60 palabras para falar do rabo". E expresa o propósito da súa obra: "Agardo que con este libro a xente foda máis en galego".

A historia transcorre na cidade francesa de Dijon e ten como protagonistas a Fer (enxeñeiro sesentón) e a Monique (moza estudante universitaria). Para afondar no contido pode ser de axuda lembrar a coñecida ‘Histoire d’O’,
reiteradamente mencionada por Fer que lla facilita a Monique co obxecto de que inspire o seu comportamento sexual. Trátase polo tanto de establecer unha relación dominación/submisión que a xuízo de Fer permitirá a total desinhibición de Monique e polo tanto un goce sexual, para ambos os dous, moito máis intenso. Nunha relación amo/escrava non pode estar ausente o sadomasoquismo, aínda que neste caso a expresión do mesmo é bastante morna. A relación da comezo como froito do desexo que se transforma en goce (intenso) para rematar producindo unha historia de amor fanada polo falecemento de Fer. Non se pretende facer aquí unha louvanza desta novela cuxas calidades literarias son, cando menos, discutíbeis. Simplemente se constata a súa existencia e o enriquecemento que a mesma supón para a nosa lingua.

Podemos concordar, ou non, co que escribía Foucault fai preto de cincuenta anos, tamén podemos pensar que nese tempo se teñen producido achegamentos ao que el nomea como ‘ars erotica’, aínda  que,  se  cadra,  dende  unha ollada centrada exclusivamente no goce dos sentidos, excluíndo compoñentes de carácter espiritual, mesmo relixioso (en relación co aspecto relixioso, lémbrese o ‘Kamasutra’  hinduísta  ou  o tantrismo budista), que eran centrais nas obras clásicas sobre este tema. Probablemente, o cultivo sexual do espírito vai parello co (non) cultivo do espírito nas nosas sociedades, nas que ante calquera nova da que temos coñecemento, xurde en nos a interrogación pola súa  utilidade. Non está de máis citar a Kant e a súa esixencia de inutilidade para a creación artística.

Outra cuestión que procede clarexar é o estatuto da pornografía, neste caso da que ten a literatura como soporte. Tende a asociarse a pornografía con algo noxento o, polo menos, con algo de carácter inferior, impropio
dun discurso elevado e digno de consideración académica. Esta mentalidade  un  tanto  miope non permite decatarse da utilidade intelectual e social de construír obras literarias, dignas de tal nome, nas que se reflicten
fantasías sexuais máis ou menos  estendidas,  máis  ou  menos ignoradas polo seu carácter desacougante, pero inexorablemente presentes en nós; cando menos, nos nosos soños.

Comentarios