Blog | O voo da curuxa

Banalización programada

QUE PARTE das nosas vivencias, actitudes e comportamentos non teñen especial transcendencia para o devir da humanidade parece incuestionable. Pero unha cousa son os aspectos triviais que, xunto cos relevantes, forman parte dese conglomerado complexo que constitúe o ser humano e outra é que o intranscendente, o banal, solape, falsee e acabe por anular os aspectos básicos para a nosa realización persoal. Esta imposición actual do insubstancial non é casual, senón que responde ao emprego da banalización como arma política pola elite dominante.

Ao triunfo do banal hai que engadirlle a conversión do relevante en efémero, a fugacidade das mensaxes e propostas sobre todo o que realmente nos afecta como potenciais cidadáns a nivel económico, social, cultural e moral, que esixirían unha fonda reflexión, pero que, antes de descodificalas para realizala, se volatilizan. Colaboradores necesarios para conseguilo son os medios afíns ao poder, que son a maioría daqueles aos que a poboación ten acceso masivo.

Se observamos os elevados niveis de audiencia de programas das televisións públicas e privadas con vocación exclusivamente alienante, as portadas dos periódicos, o exército de tertulianos, ideoloxicamente monolíticos, que, ademais de terxiversar a realidade, son capaces de elevar á categoría de debate intelectual unha bobada e converter en banal o máis transcendente, se analizamos parte do que se converte en viral nas redes sociais, podemos inferir que o mundo globalizado non é tan aberto como nolo debuxan e o universo actitudinal e discursivo de moitas persoas queda circunscrito a actuar segundo unha serie de decisións alleas a súa vontade.

Un periódico que presume de serio, solapando o deterioro social, político e institucional que nos circunda, titula con gran alarde tipográfico: "La sombra de fraude planea sobre MasterChef por una nueva expulsión más que injusta". Un reputado diario dixital, aludindo á "inxustiza" anterior, remata: "Los espectadores están desolados por la marcha de otro favorito". Desisto, non hai pudor.

Trátase de apartar os cidadáns do interese polo público, polo de todos, que é a maneira de desinteresarnos por nós mesmos, renunciando á capacidade para decidir sobre o que nos incumbe, dando carta branca para que o fagan por nós os que din representarnos nesta esvaecida democracia. Sen isogoría nin isonomía na práctica, cunha desigualdade social crecente, só cabe falar de plutocracia. Calquera intento orientado a activar a democracia participativa é demonizado mediante cualificativos confusos aos que dotan dunha connotación pexorativa a base de mensaxes que, como gota china, os adláteres da oligarquía, únicos con plataformas capaces de difundilos, repiten insistentemente. Atrapada a potencial cidadanía nesta conxuntura que lle impide facer efectiva a súa condición, o resultado final é o abrazo á frivolidade e a idolatría da estupidez como o escape fácil ao fracaso no intento de interpretar racionalmente a realidade e o medo inconsciente a non ser capaces de arbitrar algunha estratexia para dominala, lexitimando así ao poder e confirmando o éxito da operación narcotizante emprendida por este.

Así, abrazar a estupidez reinante non é algo natural senón resultado dunha aprendizaxe social que obedece a unha estratexia política exterminadora do pensamento libre e autónomo.

Poñamos un par de exemplos paradigmáticos do estado da cuestión que nos ocupa.

Un sería a evolución no tratamento dado aos 'ninis', neoloxismo para describir as persoas mozas que nin estudan ni traballan. Produce perplexidade a deriva que foi tomando o uso da palabra, que pasou de describir un grave problema de exclusión social, responsabilidade exclusiva dos que defenden o modelo neoliberal, a empregarse para estigmatizar os que a padecen, como se fose un estado voluntario, sendo obxecto de chistes, insinuacións despectivas e unha frivolización incompatible con la gravidade e a magnitude deste problema social menosprezado por quen ten a responsabilidade de resolvelo.

Outro, a pretendida análise da recente moción de censura. Parece evidente que, aínda que foran tan reviradas as intencións de quen a presentou como proclamaron os coristas do poder, nunca anularían a esixencia moral da súa presentación. Tras a máis concluinte exposición de motivos para presentala escoitada no Parlamento, o censurado eludiu responder aos multiformes casos de corrupción que lle afectan, refuxiándose en grazas frívolas e nunha vergonzosa concatenación de falacias ad hominem. Despois disto, os turiferarios mediáticos desprazaron o interese cara ao fracaso numérico da moción e ao anecdotario parlamentario, transmitindo implícita ou explicitamente a idea de que moción superada, corrupción normalizada.

Abocáronnos a un estado de baleiro e indixencia intelectual desde onde é moi fácil deslizarse cara á indiferenza e á irresponsabilidade observable por onde queira, ata acabar asumindo o moral e civicamente inasumible.

Con este panorama, a quen lle pode estrañar que a banalización e a estupidez medren exponencialmente?

Gonzalo Pérez

Comentarios