Blog | O voo da curuxa

Ética da política

A RELACIÓN entre a ética e a política resulta ser un debate clásico e tamén de gran actualidade xa que a tensión que existe entre os dous conceptos permite dilucidar algunhas das causas ou consecuencias do mundo que estamos a vivir hoxe en día.

Recentemente Plaza y Valdés acaba de editar o libro Ética de la política en John Stuart Mill y George Grote. Os dous textos incluídos nesta edición abordan un tema que se revela cada vez máis importante: a ética de políticos e xestores.

El gobernante de Taylor é unha recensión escrita por John Stuart Mill e George Grote, sendo este último un destacado utilitarista discípulo directo de Bentham, político activo e autor de varias obras de teoría política, ademais dun dos grandes historiadores experto na Grecia Antiga.

O texto non trata do político afanado na dirección dun Estado, senón do político de segundo nivel ou xestor público. Os problemas morais característicos deste ámbito non concernen a decisións transcendentais de longo alcance, senón máis ben a "sinistros intereses" egoístas aos que pode renderse este tipo de político e a asuntos cotiáns que ameazan con "mantelo soterrado baixo unha laxa de rutina".

Reflexiones sobre la reforma parlamentaria, aínda que se viu ocultada enseguida polas súas Consideraciones sobre el Gobierno Representativo, é unha obra de Stuart Mill que contén varios asuntos de interese: unha pioneira defensa do voto feminino, unha extensa argumentación contra o voto secreto e, especialmente, a súa doutrina dos arranxos admisibles ou compromisos necesarios para lograr melloras administrativas e políticas.

Ambos os textos tradúcense ao castelán por primeira vez e demostran que tamén convén reflexionar sobre a micropolítica.

Entender a política como unha ciencia ou unha actividade independente da ética (como algúns desexan) non significa que non establezan unha relación, unhas veces feble outras veces sólida. É máis, separar estes dous ámbitos na nosa vida social lévanos a enfrontarnos cun mundo fracturado, co crecemento das desigualdades sociais, con algúns grupos sociais e económicos altamente beneficiados á conta da marxinación doutros, cunha crecente deterioración da natureza e con sociedades excluíntes, plutócratas e corruptas.

Como ten dito Mill: a actividade política non pode mellorar nunca se non existen personas cuxos sentimentos morais de decencia e dignidade non pulen por facer dela unha actividade digna.

Elías Pérez Sánchez
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios