Blog | O voo da curuxa

Explotación laboral

A MEDIADOS do século XIX o diputado a Cortes ourensán Urbano Feijóo Sotomayor puxo en marcha, co beneplácito real, a Compañía Patriótico Mercantil coa intención de axudar aos seus compatriotas galegos pobres á vez que favorecer a economía da Cuba colonial. O experimento consistíu no monopolio para introducir na illa de Cuba a traballadores galegos durante 15 anos, incorporándoos nas empresas azucareiras e cafeteiras, xa que a prohibición do tráfico de escravos africanos requería agora facerse con man de obra barata. Isto permitiría, ademais, ‘branquear a poboación’ da zona para impedir a súa «perigosa africanización». Con este propósito partiron dos portos galegos 1.742 braceiros cuns contratos laborais inhumanos, aceptando condicións que ían desde o maltrato físico ata xornadas de 16 horas. O certo é que o espírito emprendedor do tal Urbano levouno a ver o píngüe negocio que supoñía aproveitarse da extrema necesidade dos desposuídos dun sistema abusivo e inxusto na súa terra.

Estamos no contexto europeo do capitalismo industrial e a súa expansión. Casos como este non eran nin moito menos excepcionais, senón a base sobre a que se construíu dito sistema, substituíndo escravos por traballadores formalmente libres que máis ben podían ser definidos como os escravos da nova era industrial da producción en cadea.

Este tipo de relación laboral indecente, amparada por unha legalidade ó servizo dos ricos, foi unha constante ao longo da historia do capitalismo, obrigando aos traballadores a duras loitas reivindicativas pola súa supervivencia e dignidade. Só basta volver a mirada a datas moito máis recentes, aos anos 60, para atopar de novo a emigrantes españois fletados en trens, esta vez cara a Alemaña, resignados a vivir en barracóns a pé de fábrica nos que poder descansar o maltreito corpo despois de interminables xornadas.

Estas prácticas afondan as súas raíces nas orixes mesmas da industrialización: nos séculos XVIII e XIX en Inglaterra, as actas de cercamento obrigaban ao campesiños a comprar as terras que nese momento traballaban en réxime comunitario. A imposibilidade de facer fronte a estes custos deixou tras de si unha gran masa de desposuídos cuxa única oportunidade de sobrevivir era aceptar o traballo que a industria nacente necesitaba, un traballo en condicións abusivas amparado pola legalidade que protexía os intereses dos grandes propietarios. A partir de aquí a historia repítese: xentes desposuídas, sen ningún tipo de representación política, ao servizo dos ricos que tomaban os parlamentos.

Pero é que na actualidade, as grandes multinacionais que deciden o destino do mundo seguen impoñendo as condicións políticas que máis lles favorecen para sustentarse e medrar ao amparo de relacións laborais infames en todo o planeta. E a deriva laboral á que estamos asistindo nos últimos tempos en Europa non é máis que un anticipo dos plans que teñen para a futura clase traballadora: render máis e máis aló do que o corpo e a mente poden dar. Tal parece que non se tivese intención de desvincularse da orixe etímolóxica da palabra ‘traballo’, que fai referencia ao sufrimento do corpo, ‘tripalium’: xugo feito con tres paus onde amarraban ós esclavos para azoutalos.

Comentarios