Blog | O voo da curuxa

As imaxes e as cousas

NON HAI tanto que o relato dos feitos se distinguía dos artificios da publicidade. Cando en 1998 se estreou ‘El show de Truman’ aínda causaban extrañeza as brevísimas interrupcións publicitarias que acabaron por delatar a impostura que era a vida de Truman, filmada desde o mesmo nacemento e emitida en directo as vintecatro horas do día, un ‘Gran Hermano’ ambicioso e total, a fusión suxerida polo concepto de telerrealidade. 

Nesa época comenzaban a mesturarse os rexistros da información e a publicidade, antes separados en tempos e formatos diferentes e agora deliberadamente confundidos en todo momento, o que provoca un efecto de ficcionalización do real. A credibilidade das noticias tende a volatilizarse cando advertimos que o presentador quere vendernos un produto calquera, e tamén percibimos a falsidade da propia intención vendedora, que contaxia de rebote o discurso sobre o real. Reflexo sobre reflexo, como na caverna platónica que inspirou Seahaven, a cidade-decorado de Truman, mentres o real fuxe cara un exterior de acceso imposible. O deserto do real, que diría Zizek, desde que o plató de Truman asoma en multitude de programas e se torna ubicuo e natural. 

A televisión é a banda sonora da vida moderna, o seu permanente ruído de fondo, como titula unha espléndida novela Don DeLillo. "Palabras, imaxes, cifras, feitos, gráficas, estatísticas… o fluxo é constante" –di o escritor americano– "só as catástrofes logran captar a nosa atención… sempre e cando sucedan noutro lugar". Pero ese fluxo xa non é só un fondo senón que ocupa toda a superficie e se amalgama co que queda de obxectividade; é a "papilla mediática" da que falaba o recentemente falecido Gustavo Bueno, que empregou boa parte da súa enerxía intelectual dos últimos tempos en descifrar o significado sociolóxico de ‘GH’ e defender a congruencia da telebasura co sistema político democrático. 

‘Democracia de audiencias’, como a chama Bernard Manin, na que se trata de coñecer e modelar as preferencias do público e axustar a iso programas e líderes, ou videopolítica en Giovanni Sartori, sostida pola ilusión cognitiva que considera que "ver é comprender", ou como adoita dicirse "unha imaxe vale máis que mil palabras". Aplánase aí todo valor, renúnciase aos argumentos sofisticados da palabra e sustitúense pola instantaneidade da imaxe, que se agota na súa presencia e incorpora a súa desaparición. Levedade da memoria, e criterio sensacionalista de verdade. A conciencia opera en modo on/off, conectada au desconectada a pracer, como ao dictado dun oculto programador tan carente de escrúpulos como Christof, o productor que levaba un control absoluto sobre a vida de Truman. 

O formateo televisivo (audiovisual, dixital) das conciencias ten un correlato político na dominación invisible, que vemos soster a cotío por discursos que negan feitos, datos e evidencias con total impunidade, predispostos para levar ao extremo o prexuizo ideolóxico, unha vez descontado o desprezo do real (Donald Trump representa a apoteose deste modelo que me temo que non é exclusivo da dereita). 

Pero é máis grave o correlato cognitivo. É sabido que o real é unha construción social mediada pola subxectividade e a linguaxe, de xeito que para as xeracións actuáis as imaxes son a materia prima dunha inédita construcción do real. 

No inicio de ‘Las palabras y las cosas’, Michel Foucault recordaba "certa enciclopedia china" mencionada nun texto de Jorge Luis Borges (‘El idioma analítico de John Wilkins’), no que aparece unha clasificación delirante dos animais que o pensador francés tomaba como motivo para cuestionar a ligazón co real das nosas categorías lingüísticas. Qué diríamos agora das imaxes? A que distancia do real nos movemos cando transitamos polo universo audiovisual? Con demasiada certeza sospeitamos a evanescencia do noso deambular televisivo, audiovisual e dixital, como se o sentido da marcha respecto da caverna de Platón non fose precisamente o de saída. 

Vemos que a diagnose non é nova e despois de tanto tempo podemos reiterar a mesma crítica que facía a alegoría platónica; así que o show (de Truman, de todos nós) aínda continúa. 

Juan Carlos Fernández Naveiro
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios