domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

Artigos dos membros do Grupo Doxa de filosofía, publicados en El Progreso. Filosofía, pensamento, reflexión... a actualidade vista dende unha perpsectiva repousada.

Oradores ou engaioladores?

SABER CONSTRUÍR argumentos e ter as habilidades necesarias para defender as propias opinións forma parte do exercicio que todo cidadán debe saber poñer en práctica no contexto democrático. Sen dúbida, se non aprendemos isto a nosa participación queda disminuída, e moitas grandes ideas quedarían reducidas á reflexión solitaria sen posibilidade de ser compartidas para enriquecer a vida en común. Tales artes son tan antigas como a democracia mesma que, xa nas súas orixes (na Grecia Clásica), contaba con grandes mestres de oratoria que ensinaban a defender en público, ben fose na asemblea ou ante os tribunais populares, as causas oportunas. Persuadir, convencer dos beneficios e a verdade das nosas meditacións depende do dominio que teñamos da linguaxe e da lóxica, pero tamén do coñecemento das emocións e as paixóns que moven aos humanos.

Discutíase naquela época sobre o obxectivo que debían perseguir estas ensinanzas. Sócrates pensaba que era o amor pola sabedoría o que debía levarnos a aprender a expoñer as nosas opinións e a refutar as contrarias, e acusaba aos sofistas de manipuladores aos que unicamente lles interesaba vencer nuhna disputa. Pero, controversias a parte, o certo é que os gregos, á vez que recoñecían o dereito á igualdade no uso público da palabra (isegoría’), valoraban tamén a virtude de atreverse a usala para dicir a verdade en beneficio común (‘parrhesía). Parece obvio que esta última esixencia é imprescindible para poder exercer unha cidadanía responsable.

Máis adiante, Quintiliano, o máis reputado profesor de retórica da Roma Imperial, relacionaba na súa ‘Institutio oratoria’ esta disciplina, non só coa linguaxe e coa lóxica, senón tamén coa ética: "O orador —afirmaba— debe ser un home de ben instruído na elocuencia. Se a arte de dicir chega a instruír a malicia, ningunha cousa hai máis prexudicial que a elocuencia, xa nos negocios públicos, xa nos particulares". Consideraba, logo, que antes de adestrar á xuventude nesta arte era imprescindible educala na ciencia da bondade e da xustiza, porque convetir en orador a un traidor ou a un prevaricador era poñer nas súas mans a arma máis perigosa de todas.

Resulta moi doado traer estas reflexións á actualidade. Na época da sedución e da competitividade na que vivimos estanse banalizando tanto estas técnicas, que proliferan os talleres de oratoria e os ‘coaches’ por todas partes con lemas que alentan claramente a ser perfectos engaioladores. Se a isto lle engadimos un pobo premeditadamente deseducado, non nos estrañemos do alarmante crecemento de ideoloxías (tanto políticas como relixiosas) que están poñendo en perigo os máis elementais piares da dignidade humana. Pero tampouco é necesario irse a tales extremos: as tribunas políticas deste país ofrécennos suficientes exemplos bochornosos daquelo que debe evitar calquera orador que se precie e tristemente, aínda que ás veces o critiquen, moitos cidadáns parecen asumir como un valor a arte de enganar con gracia e maestría.

Precisamente, vendo que a elocuencia ía dexenerando en locuacidade impertinente e interesada, sen contribuír en nada á honestidade e á busca do ben común, decidíu Quintiliano que debía escribir o seu tratado, sinalando como causa fundamental deste declive as malas prácticas das novas escolas de retórica que triunfaban naquel momento.

Aquí deixo o reto para os profesores que van impartir esta interesante disciplina nos novos plans educativos de secundaria. Creo que, dados os tempos que corren, teñen unha importantísima responsabilidade nas súas mans. Quen sabe a que caudillos sen escrúpulos poden estar preparando.

Por Mar Carballo Cela, do Grupo Doxa de Filosofía


*Artigo publicado o sábado 24 de outubro de 2015 na edición impresa

Oradores ou engaioladores?
Comentarios
ç