Blog | O voo da curuxa

Razón poética

QUE FERMOSO podería ser o mundo!" É unha frase sinxela, que ben seguro a calquera de nós se nos puido pasar pola cabeza en máis dunha ocasión cando contemplamos un atardecer. A beleza ten ese poder: sacar o mellor de nós; pero esta frase adquire moito máis significado cando a pronuncia -segundo unha anécdota relatada polo psiquiatra Viktor Frankl no seu libro O home en busca de sentido- cando a pronuncia, dicía, un dos seus compañeiros presenciando ese atardecer desde a porta dun infame barracón nun campo de concentración.

Moitas son as análises dedicadas a intentar explicar as raíces do mal. Que ten que suceder no corazón humano para que atrocidades semellantes sexan posibles? Pero non é este o tema que aquí pretendo -sería demasiado atrevido pola miña parte- senón a búsqueda incansable do ser humano dunha maneira de expresar iso que a palabra non lle permite, que a razón lóxica non lle permite porque resulta insuficiente.

Supoño que a algo similar se refería María Zambrano cando acuñou a expresión razón poética fusionando filosofía e poesía, razón e paixón. Zambrano criticaba o racionalismo no que caeu Occidente ao prescindir desa parte intuitivo-emocional que nos permite unha comprensión máis plena e profunda sobre a que construír unha sociedade de auténtico progreso.

Creo que un bo exemplo desa razón poética é a reflexión que motiva a frase que citei ó principio do artigo: nese momento o compañeiro de Víctor Frankl estaba vivindo no seu interior -xunto con todos os demáis- algo que non era capaz de expresar con exactitude, pero que podemos comprender imaxinando o contexto no que se pronunciou.

A razón científica pola que apostaron os ilustrados, sen dúbida, trouxo cambios valiosos, pero está incompleta: trouxo comodidades, grandes alivios médicos… Pero tamén trouxo as cámaras de gas. Xa o advertiron os filósofos da Escola de Frankfurt: a razón púxose ó servizo da técnica e perdeu a súa liberdade creadora para propoñer obxectivos, para pensar na clase de mundo que queremos. E perdeuna porque relegou a un segundo plano outras funcións igual de importantes que a lóxica: sentimento, intuición, emoción ética ante a beleza….

Todo iso que na mente dos prisioneiros estaba sucedendo cando se quedaron pensativos ante aquel atardecer. Nese momento comprenderon mellor o mundo que desde calquera laboratorio e sentiron, desde o inferno que estaban vivindo, toda a súa complexidade á vez que todas as súas posibilidades. Imposible expresalo se non era dunha maneira poética; non existen palabras que traduzan de maneira exacta esa vivencia.

A razón científica, coas súas leis universais, serve para controlar e predecir, pero pódese controlar e predecir sen comprender nada: "(…...) ocorre cando a realidade se repite tanto que ela mesma se proxecta por si soa cara o futuro. O risco é entón confundir comprender algo con estar afeito a ese algo", segundo Jorge Wagensberg, Yo, lo superfluo y el error. Para comprender precísase de algo máis que un siloxismo.

Mar Carballo Cela
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios