Blog | O voo da curuxa

Supermercado educativo

NESTES momentos de parón no curso escolar pódese facer unha reflexión sobre a educación dende a distancia que nos permite separarnos da loita diaria. Sae dos institutos a primeira xeración Lomce, o que significou para eles unha redución do número de horas e materias de formación obrigatoria e o aumento de ambas en formación complementaria, sempre comparando coas promocións anteriores (neste sentido cabe destacar a perda como materia obrigatoria en 2º de Bacharelato da Historia da Filosofía). O que se incrementa non son as horas ou materias dedicadas á especialidade que lexitimamente cada quen decide seguir, o que sempre coñecemos como materias de ciencias ou de letras, senón un grupo de materias complementarias, denominadas específicas, válidas para todos.

Concibidas como un complemento, carecen de valor formativo forte e só teñen un valor secundario. Escollidas libremente polo alumnado en función de criterios imprecisos, non son especialmente relevantes para a súa formación futura, unicamente lles aportan suplementos. Pois ben, estas materias específicas supoñen un quinto do horario semanal de primeiro de Bacharelato e un cuarto do horario en segundo. Habitualmente, a compensación á elección destas materias é, unha menor esixencia nas mesmas e unha maior nota. A consecuencia é a mellora inmediata e artificial dos expedientes provocada pola redución das materias de formación básica, troncais e o aumento das materias de opción, complementarias (en tempos chamadas "marías").

Reducir as materias troncais pon ao alumnado na posición de ter que decidir que vai estudar, antes de saber de que trata ou que lle pode aportar o que vai estudar. Teñamos presente que non estamos a falar do ensino universitario, senón do ensino medio, un ensino básico no cal non hai que formar especialistas, senón darlle aos individuos ferramentas e coñecementos mínimos para que poidan ir decidindo que lles atrae máis no proceso de estudo. Dende logo, o que non se coñece non atrae, e, por suposto, o alumnado non ten que rematar nos institutos cunha licenciatura (agora chamados Graos), senón preparados para estudala.

Esta situación é posible porque a sociedade o acepta e aplaude. O sistema educativo non é outra cousa que unha manifestación da propia forma de pensar da sociedade na que está inmerso. Nestes momentos, a nosa vive a dicotomía, máis ben, a escisión entre a facilidade, o dereito ao éxito, o hedonismo en calquera aspecto da vida, a relaxación no ocio e no traballo e a crueldade coa que posteriormente nos trata cando non respondemos a unhas expectativas de esixencia que se incrementan día a día (nunca se pediu tal cantidade de coñecementos incluso para traballos non especializados). Aquí é onde se producen brechas sociais insalvables.

Aquel estudante que non teña quen o oriente no proceso educativo, pode perderse na primeira elección mal feita, e despois tentar volver atrás e recuperar unha mala elección é case imposible. É esta unha cuestión coa que non tivemos que enfrontarnos as xeracións máis vellas.

O resultado desta deriva social é esta amabilidade educativa na que estamos inmersos. Todo son facilidades. Suavícese á consecución do aprobado, con independencia do esforzo, interese ou capacidade. Así, van desaparecendo os exames, que se substitúen por traballos ou por simulacros de exames (máximo un tema, ou repetición indefinida do mesmo), van desaparecendo as clases maxistrais, o profesor xa non ten nada que ensinar, o alumnado se autoprocura a información que para iso está Google e, o alumnado é máis áxil movéndose polas súas tripas —xa saben o que se pode atopar nas tripas—. Vaise substituíndo a palabra non xa pola imaxe, senón polo vídeo: didácticos, documentais ou películas. Faise a simulación —falsa ilusión— de centros trilingües, cuadrilingües ou pentalingües, só aptos para a selectísima minoría que coñece o idioma antes de matricularse nunha materia impartida en lingua estranxeira.

En fin, hai moito brillo no sistema, pero esperen a que as primeiras rabuñaduras comecen a desgastalo e a que na sociedade pidan esforzo, aburridas repeticións do traballo, solucións a problemas complexos, entregas con prazos taxados, vamos... o de todos os días. A ver daquela que se pode escoller!

Comentarios