Blog | O voo da curuxa

A violencia

DEFINE a Biblia do internauta, ou sexa a Wikipedia, a violencia como "un tipo de interacción entre suxeitos que se manifesta naquelas condutas ou situacións que, de forma deliberada, aprendida ou imitada, provocan ou ameazan con facer dano ou sometemento grave ( físico, sexual, verbal ou psicolóxico) a un individuo ou a unha colectividade; ou os afectan de tal maneira que limitan as súas potencialidades presentes ou as futuras. Pode producirse a través de accións e linguaxes, pero tamén de silencios e inacciones".

Queda claro que a forza, xa sexa física ou psicolóxica aparece en distintas definicións de violencia como o elemento central das mesmas. O dano que se infrinxe é deliberado e demasiado a miúdo as relacións entre individuos ou de grupo se cimentan nela. A persoa que a utiliza faino conscientemente, pois tenta impoñer a súa vontade.

Ao longo da historia da humanidade, e en concreto da occidental, houbo períodos moi violentos. Pero hai un tipo de violencia que se perpetúa como unha lacra de forma sistemática. A violencia que se exerce contra as mulleres en calquera parte do mundo e que ten como resultado unha violación, un dano emocional e psicolóxico ou unha morte. Violencia que se ampara noutras violencias: institucionais, mediáticas, laborais, económicas... Violencias que alimentan a violencia contra as mulleres e nútrense simbólicamente a través de patróns estereotipados, mensaxes, valores, íconos ou signos que transmiten e reproducen dominación, desigualdade e discriminación nas relacións sociais, naturalizando a subordinación da muller na sociedade.

A causa de todo esta violencia quizais estea nun concepto que nos achega Simone de Beauvoir no seu libro O segundo sexo: a Alteridade. Para Beauvoir o home sempre se define como "o Outro" e pola tanto á muller como "a Alteridade". A muller está condenada a desempeñar ese papel secundario, nunca dona do seu destino. O seu poder é precario, escrava ou deidade: "Os homes fan os deuses, as mulleres adóranos", dicía Frazer. A Alteridade significa nun sentido absoluto o inesencial. Non é a muller un suxeito, non é a muller integrada na sociedade como un ser humano. A autoridade pública ou social é exercida en calquera sociedade polos homes. Sometida á autoridade do pai, do irmán ou do marido. O home transcende máis aló de se mesmo a través das súas obras, a muller non. O patriarcado imponse desde o principio dos tempos.

E continúa impoñéndose de forma violenta cando para unha moza de dezanove anos a mellor definición de noivo é "maltratador de baixa intensidade". E sobre todo, cando ante as cifras horribles de asasinatos de mulleres froito da violencia machista escandalizámonos, pero continuamos reproducindo a desigualdade a través das súas múltiples violencias.

A solución debería estar tamén nese libro de Simone de Beauvoir, tachado de pornográfico na súa época. E o está nesta frase: "A muller non nace, faise, constrúese e polo tanto pode ser calquera cousa".


Mª Isabel Sánchez Corral
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios