Blog | O voo da curuxa

A vontade xeral

EXPLICABA ROUSSEAU que o concepto "vontade xeral", que define a expresión democrática dunha sociedade, non debe ser entendido como a suma das vontades de todos. O ‘philosophe’ esixe máis que unha vontade conformada polo denominador común dos intereses de cada membro da sociedade, esixe que se asuma a categoría de cidadán que neste caso consiste –nin mais nin menos– que en constituírse como parte dun todo e comprometerse con ese todo, feito que a efectos prácticos significa que a vontade de cada cidadán debe estar determinada, non polos seus intereses particulares, senón polos do conxunto da sociedade, ou sexa, polo ben común. Ben sabemos que esta é unha teima da filosofía antiga na que teñen insistido tanto Platón como Aristóteles xa que só no benestar da polis pode agromar a felicidade individual.

Vén de facer un mes que os galegos e as galegas participamos (en diversa medida) nunha xornada electoral que expresou a nosa vontade de adxudicar a competencia de gobernar este país ao Partido Popular, a expresión da vontade dos galegos e as galegas foi absolutamente diáfana, un de cada dous electores que exerceu o seu dereito ao voto manifestouse no sentido mencionado. Cabe preguntarse agora se esa vontade expresada de xeito tan rotundo, corresponde ao concepto de "vontade xeral" antes definido.

Por que a vontade maioritaria se conformou no sentido que expresaron as urnas? Quizais porque os indicadores económicos mostran unha sólida recuperación do país? Quizais por un incremento do gasto na atención a persoas dependentes? Quizais porque grazas ao goberno desa forza política as persoas pensionistas non teñen que pagar nada polas menciñas que precisan? Quizais nas zonas rurais percíbese un renacemento da economía relacionada coa gandería e a agricultura? Quizais porque os que residen na costa constatan unha recuperación clara dos sectores relacionados co mar? Quizais porque o país está aumentando a súa poboación? Quizais porque ningún rapaz ou rapaza ten que marchar fóra do país porque aquí hai traballo digno para todos e todas? Quizais porque o sector da investigación científica está acadando cotas que o converten en punteiro en Europa? Quizais porque os rapaces e as rapazas que estudan teñen máis oportunidades grazas ao incremento do gasto en becas? Quizais porque o partido no poder é un esforzado axente na defensa da igualdade de dereitos entre homes e mulleres? ou quizais porque dita forza política se ten convertido no valado que impide a corrupción?

Consonte ás informacións que recollen os medios de comunicación e á experiencia diaria da vida aquí, non parece que poida darse unha resposta afirmativa en ningún dos indicadores mencionados, os cales deberían constituír unha parte importante da vontade cidadá expresada nas urnas se esta tivese algunha semellanza coa vontade xeral rousseauniana. A conclusión resulta evidente, existe un déficit democrático en canto que o ben común non e apreciado por unha porcentaxe elevada (como de elevada?) da poboación galega como o ben que convén a todos e todas e os criterios de decisión electoral teñen máis a ver cun percibido ‘presunto’ beneficio individual. Con todo, debe quedar claro que ese déficit non afecta exclusivamente ao electorado do partido maioritario pero resulta escandaloso observar concellos nos que a porcentaxe de sufraxios destinados a ese partido está preto do 90 por cento.

Neste contexto de hábitos democráticos mellorables, é no que o goberno presidido polo señor Rajoy decidiu suprimir unha materia de carácter obrigatorio para todo o alumnado de Primaria e Secundaria que se chamaba Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos e aínda quedan (quedamos) cidadáns e cidadás que preguntan (preguntamos) que parte da mesma non gustaba a quen nos goberna, se a educación cidadá ou a formación en dereitos humanos.

Comentarios