Blog | O voo da curuxa

Woodstock

CONTA PLATÓN que, co gallo de festexar ao dramaturgo Agatón, reuníranse, tempo atrás, persoeiros prestixiosos da cultura de Atenas nun banquete no que, rematada a comida e correndo o viño en abundancia, os presentes decidiron pronunciar, sucesivamente, discursos en louvanza do deus Amor. Non e propósito deste artigo enguedellarse coas distintas aportacións surxidas en tan memorable ocasión senón utilizala como pretexto para traer aquí outra forma de banquete que tamén tivo lugar fai uns cantos anos e que, igualmente, resultou un acontecemento digno de ser lembrado. Entre ambos hai escasas coincidencias pero, se cadra, convén poñelas de manifesto porque Woodstock 1969 tentou tamén facer unha louvanza coral do amor, con mais de medio millón de persoas. Así mesmo, a intensidade do panexírico gardaba relación, en ambos os casos, co consumo de substancias que, en maior ou menor medida, alteraban a conciencia dos presentes.

O festival de Woodstock ao que se fai referencia figura como o mais salientable de todos os que se teñen producido, o mais sentido, o mais estudado e o que xerou unha maior ansia de repetición. Seguramente non foi o mellor canto a calidade dos e as actuantes (O cartel do de Monterrey 67 era máis impresionante), o escenario era bastante mellorable, a calidade do son non era, precisamente, exquisita e, en xeral, a organización, probablemente desbordada pola inesperada cantidade de público, foi incapaz de prestar os servizos que serían precisos. Haberá que buscar logo a causa do seu suceso noutros parámetros que, seguramente, teñen menos a ver co aparente do festival e mais con posicións ideolóxicas e, sobre todo, con disposicións de carácter mais emotivo que racional.

En Woodstock eclosiona a cultura hippie que se viña desenvolvendo na segunda metade da década, dende os seus inicios en San Francisco. Hai autores que vinculan este movemento coa filosofía de Marcuse, en concreto, coas súas obras ‘O home unidensional’ e de xeito mais directo con ‘Eros e civilización’. Por certo que, xa xubilado, Marcuse comezou en 1965 o seu labor docente na universidade de San Diego (California). É ben coñecida a cualificación de freudomarxista que se aplica a este filósofo, integrante da Escola de Fráncfort da que foi un dos iniciadores, cualificación que obedece a súa teima pola superación do traballo alienado e pola desaparición das represións de carácter sexual que, a diferenza de Freud, non considera imprescindibles para a estabilidade social.

Unha das críticas que de maneira mais reiterada se ten feito da cultura que en Woodstock se expresa cun formidable impacto social é a da súa inadaptación. Os defensores desa cosmovisión manifestaban que estaban un pouco fartos de pensar racionalmente (racionalidade instrumental?), como, ao seu xuízo, esixía o modo de vida establecido e pretendían substituír este pensar polo sentir, na dobre acepción de sensación e sentimento. Esta pretensión de sentir mostrou a súa ausencia de límites no emprego de sustancias estimulantes e/ou alucinóxenas que se revelarían como extraordinariamente tóxicas para a saúde e que se converterían nunha das razóns da decadencia dunha cultura que, no tempo de maior esplendor, contou coa participación de varios millóns de persoas esparexidas por todo o mundo.

Cómpre interrogarse se a mencionada inadaptación era, na súa totalidade, un erro tan grande como se quixo mostrar dende a sociedade benpensante ou hai algo que se pode (se debe) rescatar. Sen poder afondar aquí na cuestión, o certo e que a adaptación, bendecida (sempre a maldición das palabras!) polos que nos dirixen, semella ter importantes disfuncións que permiten que nos encamiñemos ao desastre mais absoluto dacabalo de dúas bombas de destrución masiva como son o deterioro do noso medio vital de supervivencia e a ameazadora desigualdade social que, perseverantemente, incrementamos cunha teimosía miope alimentada pola avaricia ilimitada duns cantos.



Xosé Ramón Cando Vázquez
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios