Blog

A cova da moura misteriosa / A escultura misteriosa

A cova da moura misteriosa

CERCA DO MONTE de Paralaia hai un río que se chama río da Fraga. Na súa desembocadura hai unha pequena aldea na que eu vivo.

Unha tarde fun de excursión ao monte de Paralaia sen saber a tremenda aventura que ía vivir. Chegamos ao monte pola tarde e, como aínda había un pouco de luz, decidimos dar un paseíño polo cumio. Sen darme de conta afasteime demasiado e perdinme. Ao non atopar os meus pais comecei a buscalos berrando coma un tolo. Non atopei a ninguén e xa comezaba a anoitecer. Como non comera dende había horas, tiña tanta fame que sería capaz de comer a terra que pisaban os meus pés. Busquei un lugar onde refuxiarme e, despois de varias horas, quedei durmido debaixo dunha árbore. Ao espertar, xa non estaba debaixo da árbore. Estaba nunha especie de cova chea de mobles de pedra, deitado nunha cama de pedra. Despois de pasar un anaco entrou no cuarto unha anciá que sostiña unha bandexa de pedra chea de comida. Deseguido dixo:

—Xa estás mellor, neniño?

—Si, pero onde estou? Quen é vostede? Que fago aquí? —preguntei abraiado.

—Estás na cova de Paralaia, son a última moura deste poboado. Atopeite durmido debaixo dunha árbore e tróuxente á miña casa —contestou ela.

—Pódesme axudar a atopar os meus pais? —preguntei case chorando.

—Claro que te axudarei, seguro que están moi preocupados —dixo amablemente.

Despois de arrasar coa bandexa de comida, a moura agarroume da man e levoume ata un claro do bosque onde estaban os meus pais. Cando cheguei ao seu carón e lles contei que a moura me salvara, mirei para atrás e deime conta de que xa non estaba. Nunca volvín vela, por moito que a busquei.

Xoán Moreiras Maceira (CPI de Mondariz)


A escultora misteriosa

NON FUN consciente da súa presenza ata hai pouco tempo, non sei canto me levaba observando desde a súa posición. Soamente sei que cando me decatei de que me vixiaban sentín pánico, un medo atroz subiume pola espalda e rodeoume a cabeza. Ela estaba alí desde que podía lembrar, mais unha vez que estaba so decateime de que uns ollos se me cravaban na caluga, que me observaban e cambiaban de posición cos meus movementos: se subía as escaleiras, se ía á cociña, ou se estaba no salón; alí estaba coa sua mirada impenetrable, ollándome sen perder detalle. Intentei agochala no caixón do moble, pero sentía unha forza imperiosa que me empuxaba a liberala do seu cativerio. Tentei falar cos meus pais do tema, pero non me prestaron atención. Pregueille que a tiraran pero responderon que era unha peza valiosa, un agasallo..., que non se desfarían dela. Unha vez oín que me chamaban, baixei cauteloso as escaleiras e en fronte de min atopeime cara a cara coa rara creación. Díxome que non tivese medo, que non me faría mal. Explicoume que foran creadas para recoller información sobre os seres humanos para enviala a outro planeta, lonxe da Terra, onde habitaban uns seres intelixentes que querían saber como era a vida neste lugar. Non podía respirar, suaba, tremía e, de repente, todo se puxo escuro.

—Martiño, Martiño, vas chegar tarde ao cole!

Cando abrín os ollos estaba na miña cama, corrín polas escaleiras para ver que pasara coa escultura... Xa non estaba, ninguén sabía de que falaba, ninguén se lembraba da escultura, non volvín saber dela, pero estou seguro que desde algún lugar alguén nos vixía.

Martín Ogando Eiro (CEIP Manuel Cordo Boullosa, Ponte Caldelas)

Comentarios